CAMBADOS AGASALLA CON LIBROS E ROSAS PARA CELEBRAR O DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

CAMBADOS AGASALLA CON LIBROS E ROSAS PARA CELEBRAR O DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

O Concello vai repartir biografías de Rosalía de Castro nos colexios cambadeses e 20 libros e 20 rosas a cada unha das librarías cambadesas, que se entregarán de balde ás primeiras 20 persoas que merquen un libro en galego nalgún deses establecementos

O Concello de Cambados únese un ano máis á celebración do Día de Rosalía de Castro este xoves 23 de febreiro, data de nacemento da gran poetisa galega. Por ese motivo, a Concellería de Cultura e Normalización Lingüística decidiu repartir biografías de Rosalía, editadas polo propio Concello, nos colexios cambadeses e agasallar con libros e rosas ás persoas que se acheguen neste día a calquera das tres librarías existentes en Cambados para mercar un libro en galego.

O concelleiro Tino Cordal quere lembrar que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora dende o ano 2010 o Día de Rosalía, propoñéndolle á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas. O Concello de Cambados uniuse a esta proposta con entusiasmo, dado o firme compromiso do goberno municipal cambadés co noso idioma.

Así, este xoves 23 de febreiro, as primeiras 20 persoas que merquen un libro en galego nalgunha das tres librarías cambadesas (Castelao, Contos e Nobel) recibirán como agasallos unha biografía breve da nosa gran escritora, titulada Rosalía, e unha rosa. Con esa finalidade, o Concello repartirá 60 libros e 60 rosas de balde entre os devanditos establecementos. Ademais, as nenas e os nenos de 4º, 5º e 6º curso de primaria dos colexios cambadeses tamén recibirán a mesma biografía de Rosalía, que ten debuxos ilustrativos a toda cor.

Con esta iniciativa, o goberno municipal pretende conmemorar esta data tan importante para a cultura e a lingua galega, divulgar a figura de Rosalía de Castro entre os máis cativos e amosar ademais o seu decidido apoio ás librarías cambadesas, coas que xa vén colaborando dende hai anos nesta e noutras celebracións culturais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.