Conferencia de Carlos Taibo o venres na Casa da Calzada
Co gallo do 50 aniversario do I.E.S. RAMÓN CABANILLAS, o Departamento de Economía do instituto organiza unha serie de xornadas de Economía Crítica. A primeira delas estará a cargo do profesor de Ciencia Política e da Administración da Universidade Autónoma de Madrid, Carlos Taibo Arias, quen falará sobre o tema “Decrecemento económico e Colapso”. Nesta actividade colabora a Concellaría de Cultura do Concello de Cambados.
A conferencia estará aberta para o público en xeral, ademais de para estudantes do propio instituto, xa que dende a organización da mesma considérase que os centros de ensino público deben estar abertos á toda a cidadanía na medida do posible, posto que é esta a súa única propietaria.
O acto celebrarase o venres 5 de maio ás 20:00 horas na Casa da Calzada (Exposalnés), con entrada libre ata completar o aforo. Carlos Taibo estará acompañado polo xefe do departamento de Economía do I.E.S. Ramón Cabanillas, e por Tino Cordal Rodríguez, concelleiro de Cultura do Concello de Cambados.
O profesor Taibo é autor de máis de trinta libros en castelán e galego e numerosos artigos en revistas científicas e xornais. Defensor e partidario dos movementos antiglobalización así como do decrecemento económico e da democracia directa fronte ao crecemento económico e a democracia representativa. Ten criticado moi duramente a filosofía que subxace no crecemento económico que desliga o crecemento do benestar e do progreso, sendo estes dous últimos apéndices do crecemento. Para Taibo, o crecemento económico é un espellismo porque non se traduce necesariamente nunha maior cohesión e igualdade social.
Entre os seus últimos libros, cabe destacar: Rusia frente a Ucrania. Imperios, pueblos, energía (2022); En la estela de la guerra de Ucrania. Una glosa impertinente (2022); Iberia vaciada. Despoblación, decrecimiento, colapso (2021); Decrecimiento. Una propuesta razonada (2021); El decrecimiento explicado con sencillez (2011); 150 preguntas sobre el nuevo desorden (2008); Sobre política, mercado y convivencia (encolaboración con José Luis Sampedro, 2006).