SAÚDO DO ALCALDE

 

Afronto esta nova etapa con toda a ilusión coa que se afrontan os grandes retos, con moitas gañas de facer o mellor para os meus veciños e veciñas, motivado e, honestamente, penso que tamén preparado.

Comprométome a traballar de maneira incansable para conquerir as maiores metas, a gobernar para todos e todas sen importar a súa cor política, a escoitar a todo o mundo que teña algo que dicir, e a axudar a quen o precise, antepoñendo sempre o interés xeral sobre do particular, e os de Cambados sobre os de calquera partido. Sempre con honestidade, humildade e diálogo.

Este vai ser un goberno progresista, galeguista e feminista, de municipio para as persoas, transparente, social e sostible.

Tocáronnos gobernar anos duros, durante a maior crise sanitaria da historia recente da humanidade, e da cal aínda non acabamos de saír. E tocounos facelo dun xeito difícil, sen liberacións e polo tanto sen a dedicación que nos gustaría; pero a pesar dos contratempos logramos saír adiante fortalecendo os servizos sociais, mellorando a xestión ambiental e investindo en obras e servizos básicos para a cidadanía.

E sen descoidar algúns grandes proxectos como son a execución da nova praza de Abastos, a construcción do novo cuartel, ou a reforma da fachada litoral da Ribeira de Fefiñáns; imos concentrar esforzos en dotar a toda a poboación dos servizos máis elementais: accesos dignos, auga e saneamento. Iremos máis alá das tarefas que nos corresponden en mantemento e conservación nos centros educativos, e faremos inversións en reformas e equipamentos para instalacións deportivas e parques. Tamén continuaremos coa potenciación das prazas públicas como espazos de convivencia e polos de atracción turística: Fefiñáns, A Xuventude, San Gregorio… O turismo, a viticultura e horticultura, a pesca e acuicultura, e as industrias de transformación contarán co noso apoio para servir de locomotoras económicas na recuperación. No eido da igualdade e naloita contra a violencia de xénero queda moito por facer, por iso manteremos as políticas activas de concienciación e prevención.

Asimesmo plantéxome como obxectivo lograr que o resto de administracións colaboren e se impliquen no desenvolvemento de proxectos estratéxicos, como vías de comunicación e xestión de fondos europeos.

E por suposto imos recuperar a grandiosidade da Festa do Albariño se a pandemia o permite.

Xa para rematar, dicir que aparte de no ámbito familiar como pode ser cos fillos, poucas cousas se me ocorren que fagan sentir a un máis orgulloso que de ser alcalde do seu pobo, síntome moi honrado.

 

D. Samuel Lago Ozon


Alcalde do Ilmo. Concello de Cambados