Concellaría de Muller e Igualdade
A violencia de xénero é a manifestación máis cruel e inhumana da desigualdade existente entre homes e mulleres, e afecta ás mulleres con independencia do nivel social, cultural e económico das persoas que a exercen e que a sofren.
A desigualdade está presente en moitos ámbitos ao longo da nosa vida e a violencia xa non é un problema doméstico ou familiar, xa que na actualidade é un problema que afecta a toda a sociedade, polo que desde as institucións e as administracións temos que poñerlle freo a esta lacra e impulsar os cambios necesarios para que a igualdade sexa real e efectiva.
A concienciación social é esencial para erradicar prácticas e condutas de desigualdade. A eliminación de linguaxes machistas, a non utilización das mulleres como obxectos, o empoderamento feminino e a educación dos nenos e nenas en igualdade son tarefas básicas dunha concellaría de Igualdade.
Desde o ano 2015 o Concello de Cambados conta cunha concellaría propia e independente económicamente para defender o papel da muller, da igualdade e da non violencia de xénero en todo o municipio. Contamos co apoio do Centro de Información á Muller da Mancomunidade do Salnés que dispón dunha axente de igualdade, dunha psicóloga e dunha avogada para servir de apoio ás mulleres que o precisen, e de persoal propio e municipal como as traballadoras sociais e a educadora familiar con atención personalizada a todas aquelas persoas que necesiten dos servizos sociais que podemos ofrecer desde o Concello.
Son moitas as actividades e os logros que se conseguiron neste pequeno periodo de tempo: o I Plan de Igualdade do Concello de Cambados, un protocolo de acoso, a I mesa interinstitucional mancomunada de Galicia contra a violencia de xénero, pictogramas en todas as instalacións municipais e deportivas para favorecer a inclusión social, o I Simposio de Lesbianas, Gais, Transexuais, Bisexuais e Intersexuais en Galicia, actividades de empoderamento feminino, simposios de mulleres emprendedoras, talleres de autoestima, clases de defensa persoal para mulleres, actividades de concienciación e de igualdade en colexios e institutos, celebración do día da nena (en recoñecemento a dereitos que as nenas non teñen noutros países do mundo como o dereito a ir á escola, a non ser mutiladas xenitalmente, a non ser casadas durante a súa infancia…), grupos de apoio a mulleres vítimas de violencia de xénero, e un sinfín de actividades máis que se foron realizando nestes dous últimos anos e outras moitas que están en fase de preparación para pór en práctica ao longo dos vindeiros.
O CIM: Centro de Información á Muller
O CIM en Cambados está mancomunado, dispón dun Centro de Información ás Mulleres que persegue a busca da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a erradicación da discriminación por razón de sexo, e a prevención da violencia de xénero.
Dentro do CIM lévanse a cabo entre outras:
- Terapia psicolóxica e atención específica ás mulleres vítimas de violencia de xénero
- Información e asesoramento xurídico
- Actuación como canle de comunicación entre as usuarias e os organismos competentes en materia de muller
- Coordinación cos servizos policiais, sanitarios, xudiciais, colexiais, administrativos e sociais nas casuísticas concretas
- Información sobre cursos, estudos, xornadas relacionadas coa igualdade de oportunidades e prevención da violencia de xénero
- Sensibilización cidadá en torno ao principio de igualdade entre homes e mulleres
- Promoción do asociacionismo e da participación social das mulleres: realización de actos para celebrar o día da muller traballadora (8 de marzo) e conmemoración do día contra a violencia de xénero (25 de novembro)
- Desenvolvemento de actividades de conciliación da vida familiar e laboral
- Programas de formación de mulleres e realización de talleres de lecer e tempo libre
- Elaboración de estatísticas
Persoal do CIM
- Directora/letrada
- Psicóloga
- Axente de igualdade
Horarios:
- Horario de atención ao público: mércores e xoves de 8:00 a 15:00
- Horario de atención da asesora xurídica: mércores e xoves de 8:00 a 13:00
- Horario de atención psicolóxica: luns, martes e venres de 8:00 a 15:00 (sempre con cita previa)