O CORO COMPOSTELÁN CAPELA ANTIGA CANTARÁ EN CAMBADOS O 8 DE ABRIL

O CORO COMPOSTELÁN CAPELA ANTIGA CANTARÁ EN CAMBADOS O 8 DE ABRIL

O Concelleiro de Cultura de Cambados, Tino Cordal, anunciou esta mañá que o coro Capela Antiga, dirixido por Miro Moreira, dará un concerto de música sacra vocal en Cambados o vindeiro venres 8 de abril, ás 21 horas. A actuación programada pola Concellaría de Cultura preséntase co título “Mestres da Capela de Santiago: un mundo no corazón da Galiza”. 

O prestixioso coro compostelán deleitará ao público cambadés coas súas espléndidas voces na Igrexa Parroquial de Cambados, un espazo axeitado para este tipo de concertos pola espléndida sonoridade acústica do templo, segundo manifestou o propio concelleiro. O evento está organizado polo Concello e conta coa colaboración da Parroquia de Santa Mariña Dozo.

As persoas integrantes do coro Capela Antiga que participarán no concerto en Cambados son os solistas Aida López (Soprano), Mariola Gongar (Contralto), Chema Ares (Tenor), Pablo Nieves (Barítono); e, os instrumentistas Juan Manuel Varela Louro (Órgano), Francisco Luengo (Violone e Xurxo Varela (Violone).

O programa do concerto recolle unha selección da obra dos mestres de capela que traballaron e compuxeron na Catedral de Santiago de Compostela, desde o século XVII ata o XX: José de Vaquedano, Buono Chiodi, Melchor López, Ramón Palacio e Santiago Tafall. A eles engádense compositores recoñecidos na tradición europea, como Orlando di Lasso ou Tomás Luís de Victoria, que aparecen documentados nos libros de coro composteláns e que, polo tanto, forman parte tamén do repertorio desta catedral.

Destaca especialmente, no centro do programa, a misa a 8 voces de Melchor López Giménez, intitulada Missa ad Piisimam Maria (1808), un dos fitos do director Miro Moreira na recuperación de obras dos arquivos da basílica compostelá, e que poderá ser escoitada como primicia en Cambados neste concerto.  

Concerto de Música Sacra. Semana Santa. Cambados

Capela Antiga (Santiago de Compostela)

“Mestres da Capela de Santiago: un mundo no corazón da Galiza”

Igrexa Parroquial de Cambados. Venres, 8 de abril, 21 h.

____________________________________________

Capela Antiga. Coro

Solistas:

Aida López, Soprano

Mariola Gongar, Contralto

Chema Ares, Tenor

Pablo Nieves, Barítono

Instrumentistas:

Juan Manuel Varela Louro, Órgano

Francisco Luengo, Violone

Xurxo Varela, Violone

Director:

Miro Moreira

CAPELA ANTIGA. Coro

Capela Antiga é un conxunto vocal en torno ás vinte voces, creado en Santiago de Compostela, polo que é o seu director actual, Miro Moreira, co obxectivo de interpretar música relixiosa e profana antiga, desde o Medievo ata o Barroco, pasando pola música do Renacemento. Dada a variedade de xéneros e épocas que aborda, integra diversas formacións que poden actuar conxuntamente ou por separado, atendendo ás necesidades do repertorio: o coro, os solistas e os ministriles (instrumentistas). Ase mesmo, Capela Antiga a miúdo participa en proxectos con outras formacións vocais ou instrumentais, especializadas nos repertorios históricos. Entre estas colaboracións destacan as realizadas con grupos como Hesperium XXI e Jordi Savall, con motivo da conmemoración do 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como itinerario cultural europeo; con Le Barroque Nomade co programa “Vésperas á Virxe en China”, dentro do Festival de Músicas Contemplativas de Santiago de Compostela; ou con outras formacións vocais tamén radicadas en Compostela, como a Capela de Música da Catedral, o Coro da Universidade de Santiago ou o Orfeón Terra a Nosa, das que o director de Capela Antiga, Miro Moreira, foi ou é director, hoxendía.

Nacida e radicada na corazón cultural xacobeo, Capela Antiga tense dedicado con especial atención ás obras e autores vencellados á basílica compostelá, estreando, gravando e interpretando estes repertorios en concertos en Europa e América. Especificamente centrada na liturxia e paraliturxia xacobeas, destacan a estrea do drama litúrxico medieval “Ordo Profetarum”; a presentación de obras do Códice Calixtino no Museo Metropolitano de Nova Iorque; a montaxe das “Vésperas solemnes ao Apóstolo Santiago” dos libros de polifonía da Catedral de Santiago; ou as músicas xacobeas de “Le Chemin de St. Jacques” no Festival de Música Sacra de Saint Maló (Franza).

De entre os mestres de capela composteláns, Capela Antiga ten abordado obras de, José de Vaquedano, Diego de las Muelas, Buono Chiodi, Melchor López, Ramón Palacio e Santiago Tafall, nunha meritoria tarefa de investigación e posta en atril de parte de un repertorio inxente, representación da calidade e do cosmopolitismo creativo dos músicos vencellados á sede compostelá.

MIRO MOREIRA, director.

Naceu en Santiago de Compostela e iniciou os seus estudos musicais como escolano na Capela de Música da Catedral de Santiago de Compostela, co mestre Nemesio García Carril. Licenciouse en canto no conservatorio de música do Liceo de Barcelona e centrou logo a súa especialización como cantante e director, na música vocal do Renacemento e Barroco. Como cantante conta con unha ampla experiencia en grupos como a Capela Compostelá á que estivo vencellado de modo permanente durante grande parte da súa traxectoria, e outros de recoñecido prestixio, como a Capella Reial de Cataluña, ou Al aire español. É convidado por diferentes formacións orquestrais: Orquestra Nacional de España, Real Filharmonía de Galicia, Orquestra Sinfónica de Sevilla, Orquestra Sinfónica de Galicia ou a Orquestra Sinfónica Nacional de Portugal.

Como director, iníciase en 1984 co Orfeón Terra a Nosa de Santiago, ao que engade en 1988 a dirección da Capela Musical da Catedral de Santiago, agrupacións coas que desenvolvería un extenso currículo de estreas, gravacións e concertos, en toda clase de repertorios históricos e actuais.

Actualmente dirixe a Capela Antiga e o Coro Universitario de Santiago de Compostela, universidade na que ademais é profesor asociado, cargos que compaxina con unha intensa axenda de encargos e proxectos como director e intérprete.

PROGRAMA DO CONCERTO

Iubilate Deo. Orlando di Lasso (1532-1594)

Magnificat Anónimo, nos Cantorais de Polifonía da Catedral de Santiago (s. XVI)

Ave María. Tomás Luis de Victoria (1548- 1611)

Popule meus. In adoratione crucis. Tomás Luis de Victoria

Ave Regina Caelorum. José de Vaquedano (1642-1711)

Luces y Cariños. Villancico al Santísimo Sacramento. José de Vaquedano

Marcha para abrir la Puerta Santa. Buono Chiodi (1728-1783)

Missa ad Piisimam Mariam, a 8 voces solas con acompañamiento de Violón. Melchor López Giménez (1759-1822)

Kyrie

Gloria

Credo

Ofertorio (Sobre la Salve) Libro de órgano.

Sanctus

Agnus Dei

Benigne fac Domine. Ramón Palacio (1793 -1863)

Iacobum Celebret. Motete de la aparición del Apóstol Santiago en Clavijo. Ramón Palacio

Dum Pater Familias. Códice Calixtino Santiago Tafall (1858-1930)

O beate Iacobe. Santiago Tafall