A Concellería de Cultura do Concello de Cambados e Cruz Vermella Arousa presentan “MaiorMente”, unha programación de actividades de estimulación cognitiva para persoas maiores de 60 anos que terán lugar nas casas de cultura das parroquias.
O obxectivo das mesmas é ofertar polas mañás actividades lúdicas para a mellora da memoria e da axilidade mental de maneira que os centros culturais se manteñan activos ampliando horarios e ofrecendo diferentes obradoiros preto dos veciños e veciñas das parroquias de Cambados.
O proxecto “MaiorMente” desenvolverase do 3 de outubro ao 23 de decembro. Realizaranse obradoiros gratuítos de traballos manuais, de iniciaciación á informática e á lingua inglesa, así como um obradoiro de memoria. Farase un por cada centro un día á semana de 10.30 a 12.00 horas. Amais abriranse os venres alternos para desfrute das zonas de biblioteca e sala de ordenadores de 9.30 a 13.30 horas.
As persoas interesadas poden inscribirse no Departamento de Cultura no teléfono 673 533 289 ou na dirección de correo cultura@cambados.es. Igualmente poden facelo a través das asociacións veciñais que colaboran na difusión do mesmo: As. De veciños S. Vicente de Oubiña, As. De Mulleres Rurais de A Seca, As. O Batuqueiro de Vilariño e Mulleres Rurais As Saíñas de Castrelo.