O vindeiro sábado 5 de novembro o salón de actos da Casa da Calzada (ExpoSalnés) acollerá o reinicio dos cursos de lingua de signos que se celebraban xa antes da pandemia e que tiñan unha elevada demanda. Será coa mesma profesora, Miriam Aller, da empresa Entresignos, que vén impartindo esta formación dende o ano 2018.
As clases desenvolveranse en grupos, organizados en función do nivel do alumnado, con sesións dunha hora e media, ao longo das tardes dos sábados. O curso ten un custe de 10 euros ao mes para as persoas empadroadas en Cambados e de 25 euros ao mes para as persoas empadroadas fóra do municipio cambadés. A duración desta actividade formativa é de 8 meses, ata o mes de xuño de 2023.
O Concello de Cambados, a través das concellarías de Cultura, Sanidade e de Servizos Sociais, dirixidas por Tino Cordal e Fernando Patricio, respectivamente, segue a amosar o seu compromiso coas persoas xordas, sendo unha das institucións que facilitan a aprendizaxe de lingua de signos. Ademais dos signos propiamente ditos, os asistentes terán a oportunidade de coñecer aspectos da cultura das persoas xordas, que existe como tal, e as estratexias que se poden usar para favorecer a comunicación con este colectivo. O curso que comezará o sábado 5 de novembro será de carácter eminentemente práctico.
Para inscribirse no curso de lingua de signos, as persoas interesadas deben enviar un correo electrónico a: info@entresignos.com ou un whatsapp ao seguinte número: 690 679675. O número de prazas é limitado, ata un máximo de 40.
Segundo a Federación Mundial de Xordos, existen aproximadamente 72 millóns de persoas xordas en todo o mundo. Máis do 80 por cento vive en países en desenvolvemento e como colectivo, utilizan máis de 300 diferentes linguas de signos. As linguas de signos son idiomas naturais para todos os efectos, estruturalmente distintos das linguas faladas. Existe tamén unha lingua de signos internacional que é o que utilizan as persoas xordas en reunións internacionais e, de xeito informal, cando viaxan e socializan.
A convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade recoñece e promove o uso das linguas de signos. Establece que teñen o mesmo status que as linguas faladas e obriga ás Administracións a que faciliten a aprendizaxe da lingua de signos e promovan a identidade lingüística da comunidade das persoas xordas.
A Asemblea Xeral das Nacións Unidas estableceu que o acceso cedo á lingua de signos e aos servizos nesta linguaxe, incluída unha educación de calidade nesa lingua, é vital para o crecemento e o desenvolvemento das persoas xordas e decisivo para o logro dos obxectivos de desenvolvemento sostible. Resalta tamén a importancia de preservar as linguas de signos como parte da diversidade lingüística e cultural.