En Cambados foille entregado hoxe a Laureano Araujo o Premio Plácido Castro de Tradución que na súa XIXª edición gabou a súa tradución de Schlump, Erwin: Homicidio, do escritor suizo Friedrich Glauser.
No acto, conmemorando o Día Internacional da Tradución, Constantino Cordal, padroeiro da Fundación e concelleiro de Cultura en Cambados, recordou os obxectivos do premio, é dicir, recoñecer o esforzo dos nosos tradutores e estimular a universalización da nosa lingua, destacando a importancia desta iniciativa na axenda da Fundación.
Xavier Senín, en nome do xurado, destacou as singularidades da obra e do labor tradutor do premiado, significando a importancia dada á contextualización e ao fornecemento ao lector de claves informativas e interpretativas precisas para unha mellor comprensión da obra.
Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, destacou a importancia da tradución para a normalización do noso sistema literario e cultural e alentou á Fundación a proseguir no seu labor.
Nun emotivo discurso, o premiado, Laureano Araujo, nacido en Suíza, agradeceu o galardón e destacou o significado persoal do seu “volver” a Galicia, un reencontro anos andados no que a tradución desempeñou un atributo transcendental, que a maiores vese honrado agora con este recoñecemento.
A presidenta Susi Castro entregou ao premiado a escultura de Xaquín Chaves, o “Babelio”, e o diploma acreditativo. O premio está dotado con 2.000 euros.