A Asociación Galega de Familias de Acollida (ACOUGO) colaborará co Concello de Cambados para informar e sensibilizar sobre os programas e sistemas de protección de menores e de acollemento familiar. Así, o vindeiro 30 de setembro ás 19:30 horas estarán en Cambados, no salón de actos de Exposalnés, para explicar os detalles do seu programa de acollemento. Se tes interese nesta actividade podes anotarte premendo aquí
O Concello de Cambados demostra o seu compromiso co acollemento familiar adheríndose a rede da Asociación Galega de Familia de Acollida, coa que acaba de iniciar unha relación de colaboración. O Concelleiro de Servizos Sociais, Fernando Patricio, mantivo unha reunión coa coordinadora de Acougo, Carmen Dourado, para establecer as primeiras liñas de actuación entre ambas partes. O primeiro paso desta colaboración, que se dará xunto aos servizos sociais municipais, pasa pola identificación de familias de acollida nas dúas modalidades posibles, ben a rapaces ou rapazas da mesma familia ou alleas a esta. A Asociación Galega de Familias de Acollida vai levar a cabo unha charla informativa aberta a toda a cidadanía, pero especialmente para aquelas familias que desexen acoller, o vindeiro 30 de setembro as 19:30h no salón de actos de Exposalnés. Tamén se expuxo a posibilidade de realizar actividades formativas, sempre da man dos Servizos Sociais de Cambados.
Pese á situación na que se encontran moitos menores, Acougo non conta con familias interesadas en acoller en Cambados e a entidade confía en que a situación cambie nos próximos meses cando se coñeza a súa función e as características do acollemento, moi diferentes ás de a adopción. A diferenza máis grande non é temporalidade, como moita xente pensa, senón que no acollemento non exista unha ruptura co vínculo e coa historia e pasado do menor. A representante de Acougo insiste en que as familias interesadas deben poñerse en contacto con eles para coñecer as características do proceso, que seguirá cos profesionais de Cruz Vermella.
O Concelleiro de Servizos Sociais, Fernando Patricio, pola súa banda, amósase convencido de que despois desta actuación conxunta será posible involucrar a familias de Cambados dispostas a acoller menores que hoxe se atopan maioritariamente en centros. Na actualidade en toda Galicia hai 329 familias acolledoras e máis de 1.300 nenos e nenas en centros de acollida, segundo os últimos datos recollidos. Dende Acougo afánanse por dar a coñecer entre a sociedade a realidade de nenas e nenos en situación de desprotección e en axudar ás familias de acollida en todos os seus trámites. O acollemento familiar permite que nenos e nenas tutelados pola administración pública poidan vivir integrados en familias distintas ás de orixe, e medrar nun espazo de protección familiar.
En xeral, na sociedade hai unha clara unanimidade na idea de que o lugar idóneo para que medren as crianzas é unha familia, non unha institución. A asociación Acougo, que agrupa a familias de acollida galegas, ten como misión difundir a realidade da infancia institucionalizada, e promover a cultura do acollemento na sociedade. É por iso que se achegan o vindeiro 30 de setembro para amosar os detalles do seu programa e animar á sociedade tense para que se implique no benestar da infancia máis vulnerable.
Unha das mensaxes nas que poñen o foco dende esta Asociación de carácter autonómico é que sen a participación de familias non se lle pode dar pulo ao acollemento, posto que non é unha acción que poidan facer ou que dependa dos profesionais nin das institucións. Lembrar que para participar nesta reunión hai que inscribirse neste formulario.