DECLARACIÓN DO CONCELLO DE CAMBADOS NO DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS DE IDADE

DECLARACIÓN DO CONCELLO DE CAMBADOS NO DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS DE IDADE

Co obxectivo de centrarse sobre a problemática das sociedades que envellecen, e de recoñecer o importante papel que teñen as persoas maiores nas súas familias, comunidades e sociedades, a ONU proclamou en 1990 que o Día Internacional das Persoas de Idade se celebra o primeiro de outubro de cada ano.

O Concello de Cambados quere sumarse a esta celebración mediante esta declaración de recoñecemento da relevancia que os maiores teñen no noso pobo.

Na situación actual de grave crise económica que seguimos a padecer no ano 2105, os maiores están a ser un sustento fundamental para moitas familias cambadesas. Non só contribúen economicamente no mantemento das persoas que con eles conviven senón que axudan no coidado dos nenos e nenas, así como noutros labores domésticos esenciais para o bo desenvolvemento familiar.

Ademais, os maiores teñen moito que aportarlle á nosa sociedade pois posúen coñecementos e experiencias dabondo que enriquecen as nosas vidas, non só dende unha perspectiva material senón tamén nunha dimensión humana.

Debemos facilitar a súa inclusión, creando oportunidades para a súa participación económica e social en contornas accesibles e seguras, prestándolles atención aos seus problemas e necesidades particulares. Tamén temos que asegurarlles unhas condicións vitais dignas,cuns servizos sociais e de saúde de calidade.

Por todo iso traballaremos dende o concello nos vindeiros anos. Pois entendemos que Cambados debe contar cos seus maiores e coidalos como ben se merecen.