Cambados dótase co fondo María Victoria Moreno

Cambados dótase co fondo María Victoria Moreno

A concellería de Cultura do Concello de Cambados ven de facerse cun fondo bibliográfico de cincuenta obras da escritora á que Galicia lle dedica as Letras do ano 2018, María Victoria Moreno. Profesora, escritora, tradutora, filóloga, bibliófila e libreira… a importancia da homenaxeada coas Letras galegas deste ano non lle foi allea aos libreiros de Cambados que lle concederon, hai catorce anos, o primeiro Premio Ramón Cabanillas, foi no 2004. A esa concesión engade un valor especial o feito de que Moreno é a cuarta muller en ser homenaxeada pola Real Academia Galega, sendo cincuenta e catro os homes que mereceron tal galardón, o que fala ben da intuición e sensibilidade dos libreiros cambadeses.

Entre outros méritos da homenaxeada, o concelleiro de Cultura Víctor Caamaño destacou esa circunstancia de “como escritora pioneira da nosa literatura infantil e xuvenil, ter sido a primeira intelectual premiada co Ramón Cabanillas, e unha das poucas mulleres que a Academia escolleu

 para ser homenaxeada, polo que este ano faremos un esforzo especial na celebración das letras, e entre outras cousas adquirimos uns cincuenta libros que inclúen a meirande parte do fondo de obras publicadas por María Victoria Moreno, ao longo da súa vida, tanto en galego, como en catalán, castelán e outros idiomas”.

A pretensión do concelleiro de Cultura pasa por facer unha exposición dese conxunto de obras en todos os centros educativos de Cambados, durante o mes de maio, para a continuación pasar a formar parte dos fondos bibliográficos da Biblioteca pública municipal Luís Rei, donde se manterán como unha colección propia, disposta de xeito integral, para consulta de usuarios e investigadores, xa que a maioría dos libros son de hai anos, primeiras edicións ou publicacións que xa non se encontran no mercado.

 

Ata onde sexa posible, incidiu o concelleiro Caamaño Rivas, esta será unha acción cultural a desenvolverse tamén nos próximos anos, nos que o Concello procurará facerse co fondo bibliográfico vello e novo do autor ou autora a quen Galicia lle dedique o ano das Letras; o que xa se fixo o ano anterior co homenaxeado Carlos Casares.