A Concellería de Asuntos Sociais de Cambados quere garantir que os menores que viven en familias desfavorecidas, e que están sendo atendidas no programa municipal de alimentos, teñan acceso aos carruseis e norias das Festas do Albariño que tódolos anos se instalan na “Illa das Goritas” e no paseo marítimo de Cambados.
Esta medida xa se esta a implantar noutras localidades e están a contar coa colaboración dos propios feirantes que xestionan as atraccións.
Aínda que dende a Concellaría de Asuntos Sociais, o tenente de alcalde Constantino Cordal, recoñece que hai outras necesidades prioritarias nestes momentos, considera que o feito de que estes nenos poidan gozar das atraccións das festas é unha axuda á integración social.
Segundo os datos facilitados polos técnicos municipais, en Cambados hai preto de 70 menores que pertencen a familias desfavorecidas. Así mesmo, hai que lembrar que o prezo da viaxe en cada atracción soe roldar de media os tres euros, o que para estas familias resulta prohibitivo.
A medida que se vai realizar dende os Servizos Sociais do Concello, vai implicar directamente os técnicos municipais desta area, xa que van ser os encargados de canalizar a entrega dos tíckets gratuítos de xeito confidencial e privado, “garantindo que chegan aos que realmente o necesitan e evitando, deste modo, que haxa distinción entre os nenos, co que se elimina a posibilidade de estigmatizar aos menores que as utilicen”.
A maiores, a Festa do Albariño deste ano incluirá outras iniciativas solidarias promovidas dende o Concello.
Por un lado, instalarase unha pequena carpa no Paseo da Calzada para que os voluntarios da Protectora de Animais de Cambados poidan vender os seus produtos e recadar fondos para a súa asociación.
Por outra banda, os asistentes ao convite do Xantar do Albariño poden facer un donativo de 5 Euros en beneficio de Esperanza Salnés.
Finalmente, os estacionamentos que se están a habilitar nos principais accesos de cambados serán explotados por clubes e asociacións de Cambados.