Esta fin de semana disputarase a 5ª edición da ruta ciclista do Albariño (memorial Modesto Sánchez Alba “Teto”) na scategorías junior, sub-20 e feminina.
Máis de 100 ciclistas participarán nesta proba que transcorrerá entre os municipios de Cambados e Meaño, os días 17 e18 de xuño.
A cita organizada polo Club Ciclista Cambados e a Federación Galega de Ciclismo (FGC) abrirase o sábado ás 11:00 horas cunha cronoescalada de 3 quilómetros ao alto do Busto. Despois do aperitivo matinal, pola tarde será a quenda da primeira proba en liña. Ás 16:00 horas os corredores poranse en marcha desde Meaño para completar un percorrido de 54 quilómetros coa Meta Volante do Grove (Km 14) e o alto de 3ª categoría de San Benito (Km 46) como puntos quentes antes de alcanzar a liña de meta da rúa Desiderio Dóvalo na vila meañesa.
O desenlace da Ruta do Albariño chegará a partir das 10:30 horas do domingo en Cambados con tres voltas a un circuíto de 23 quilómetros no que se ascende a Padrenda, puntuable de 3ª categoría. Nos dous primeiros pasos pola Avenida de Galicia de Cambados repartiranse puntos para a clasificación das Metas Volantes e no terceiro coñecerase ao vencedor da xornada e da xeral do tríptico.