Cursos SMARTPEME de marzo en Exposalnés

Cursos SMARTPEME de marzo en Exposalnés

O Centro ExpoSalnés de Cambados acollerá durante o mes de marzo oito obradoiros ao abeiro do programa “SmartPeme” da Deputación Provincial. “SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

As persoas interesadas en participar nestes obradoiros, que se celebrarán na súa práctica totalidade a partir das 19.00 horas, poderán formalizar a súa inscrición chamando ao 886202020 ou ben a través do correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou da páxina web www.smartpeme.depo.es.

O novo proxecto “SmartPeme” é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación.  Este proxecto desenvolverá novas carteiras de servizos. Así, ábrense tres novas grandes liñas como son o “Centro Provincial de Economía Dixital” (CPED), que estará situado no viveiro de empresas de Barro, SmartPeme Impulsa e TurisTIC, que se irán facendo dispoñibles para as persoas autónomas e empresas nos vindeiros meses.

A través do Centro Provincial de Economía Dixital vanse dar a coñecer ás empresas as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes que a economía dixital ofrece. Para elo, o CPED vaise apoiar nas instalacións do FabLab que a Deputación de Pontevedra ten instalado no viveiro de Barro.

Doutra banda, SmartPeme Impulsa, abrirá novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización unindo, deste xeito, os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos.

Finalmente TurisTIC erixirase como o punto de apoio do sector turístico. Este servizo, enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas, pretende potenciar ao sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital. Adicionalmente, esta liña de “SmartPeme” contará con iniciativas innovadoras como unha aceleradora para empresas TIC relacionadas co sector turístico, e un congreso sobre o impacto das novas tecnoloxías no sector.

 

O SALNÉS (EXPOSALNÉS)

  • “A túa información sempre a man: almacenamento na nube” (luns, 5)
  • “Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing” (mércores, 7)
  • “Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais” (luns, 12)
  • “A comercialización do turismo rural: centrais de reservas” (martes, 13)
  • “Woocommerce II – A solución para vender por internet” (xoves, 15)
  • “Bota as túas propias fotografías para o comercio electrónico” (martes, 20)
  • “A dixitalización no sector turístico” (xoves, 22)
  • “CRM, o cliente como centro de estratexia de negocio” (luns, 26)