CAMBADOS ASESORA SOBRE AS CLAUSULAS ABUSIVAS DAS HIPOTECAS

CAMBADOS ASESORA SOBRE AS CLAUSULAS ABUSIVAS DAS HIPOTECAS

A Concellería de Economía e Facenda de Cambados, que dirixe Xurxo Charlín, organiza unha charla sobre as cláusulas abusivas das hipotecas en colaboración coa Asociación Galega de Consumidores e Usuarios – Acouga. O obxectivo fundamental desta actividade é informar as veciñas e os veciños de Cambados sobre como reclamar estas cantidades as entidades financeiras e como se teñen que presentar as reclamacións.

Recentemente o Tribunal Supremo decidiu que é o banco e non o cliente o que debe abonar o imposto sobre actos xurídicos documentados na firma dunha hipoteca, corrixindo así a súa doutrina anterior; a sentenza, da sala Terceira do alto tribunal, interpreta o texto refundido da lei do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais (ITP) e Actos Xurídicos Documentados (AJD) e o seu regulamento e conclúe, que non é o prestatario o suxeito pasivo deste último imposto nas escrituras notariais de préstamo con garantía hipotecaria (como a súa xurisprudencia anterior sostiña), senón a entidade financeira que presta a suma correspondente. A raíz desta sentenza, o sindicato de Técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha) indicou, que aqueles cidadáns que formalizaran un préstamo hipotecario nos últimos catro anos, os exercicios non prescritos fiscalmente, poden solicitar a Xunta de Galicia a devolución de ingresos indebidos, máis intereses de demora. Desta forma, estes cidadáns poden sortear o camiño xudicial, máis longo e custoso, para solicitar a devolución deste imposto. Pola contra se xa fai máis de catro anos desde que se subscribiu o préstamo hipotecario e, xa que logo, fiscalmente o pago do imposto prescribiu, os cidadáns terán que emprender accións legais contra a entidade bancaria, e solicitar a devolución, que non prescribe posto que o Supremo anulou o artigo do imposto que establecía que eran os clientes bancarios quen pagaban o tributo.

O Concello de Cambados organiza esta charla informativa sobre as cláusulas abusivas existentes nos préstamos hipotecarios, en especial, para tratar o tema das canles para recuperar o imposto de actos xurídicos documentados tras a publicación da sentencia de 16 de outubro do 2018, así como a comisión de apertura e os restantes gastos de formalización como son os da notaría, rexistro ou xestoría.

A charla ten carácter gratuíto, será impartida polo avogado e asesor xurídico da asociación de consumidores ACOUGA, JOSÉ ESPERANTE AGRA e celebrarase o mércores 24 de outubro de 2018 no SALÓN DE ACTOS DE EXPOSALNÉS. O evento está organizado pola Concellería de Economía e Facenda, e a través da oficina de Consumo de Cambados xa se esta a asesorar aos veciños nesta materia que así o requiren.

Por outro lado a asociación de Consumidores Adicae, a través da súa avogada colaboradora, Begoña Saborido, tamén se puxo en contacto co Concello de Cambados para realizar unha charla nesta materia, “CLAUSULAS ABUSIVAS EN PRESTAMOS HIPOTECARIOS: RECLAMACION DE GASTOS” que neste caso ten previsto realizala o vindeiro 8 de Novembro ás 17:00h, tamén no Salón de Actos de Exposalnés

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.