“SMARTPEME” VOLVE A CAMBADOS CON CINCO NOVOS OBRADOIROS DURANTE O MES DE SETEMBRO

“SMARTPEME” VOLVE A CAMBADOS CON CINCO NOVOS OBRADOIROS DURANTE O MES DE SETEMBRO

“SmartPeme” é un programa de asesoramento no ámbito das TIC da institución provincial destinado ás persoas emprendedoras e ás pemes da provincia

 

Os obradoiros de “SmartPeme” volven en setembro despois da pausa do mes de agosto. Así, o Centro ExpoSalnés de Cambados acollerá, durante todo o mes de setembro, cinco obradoiros ao abeiro da rede TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra. “SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

As quendas para o mes de setembro son as seguintes, todas elas en horario de 19:00 horas: o luns 4 de setembro, “A túa páxina web con WordPress”. O xoves 7 impartirase “Google Analytics: Iniciación á analítica web”. O martes da semana seguinte, día 12, “Xestiona o teu negocio desde o teléfono móbil”, ao que lle seguirá o mércores 20 “A túa información sempre á man: almacenamento na nube” e, xa por último, o mércores 27 de setembro, desenvolverase o obradoiro “Redes sociais para a empresa: é Twitter a túa solución?”. A oficina “SmartPeme” de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no Paseo da Calzada, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.

Lembramos que o novo proxecto “SmartPeme”, en palabras da Presidenta da Deputación, Carmela Silva, “é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos”.  Para isto, nas oficinas de “SmartPeme” no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo se están pondo en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.