Nesta fin de semana a Praza de Fefiñáns, acolle o Mercado dos Oficios, cunha completa oferta cultural, artesana e dos vellos e novos oficios no que pode verse o traballo de deseño de moda, xoieiros; libreiros e deseñadores gráficos, artistas gráficos ou creadores de complementos, entre outros.
Este evento que organiza a Concellaría de Cultura do Concello de Cambados, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, mereceu a consideración expresa do concelleiro Víctor Caamaño para quen “este evento, que vai xa pola cuarta edición, reúne todas as características coas que pretendemos dinamizar a Praza de Fefiñáns, como cultura, arte, deseño, oficios, complementos, xogos, obradoiros e actividades, magos e música”.
Mención especial merece a presenza de creadores e profesionais que farán traballos ao vivo durante os dous días do Mercado, onde poderán verse ademáis anticuarios e coleccionistas, libros e discos, conservas, creadores de cosmética e xabón, xoguetes de madeira, títeres e outros profesionais nun evento que reúne arredor de trinta emprendedores de iniciativas variadas, reunidas baixo o criterio de achegar os labores de creación de artes populares ao gran público.
O evento organízase en dúas partes, na Praza instalaranse os postos de artesanía, oficios e creación contemporánea, mentres que na alameda de Fefiñáns desenvolveranse as actividades culturais complementarias, actuacións de música tradicional, xoguetes e xogos populares de uso libre, ludoteca, obradoiros de maxia e xogos, actividades teatro de títeres, contacontos, e obradoiros infantís.
O mercado e as súa actividades permanecerá aberto durante toda a fin de semana, sábado e domingo, das dez da mañá ata as doce da noite.