Ao longo das dúas horas que dura o percorrido a marea subirá ou baixará, de modo que teremos unha visión distinta da enseada, e da súa flora e fauna, segundo sexa o seu estado.
Coa baixamar, os traballos das mariscadoras e a avifauna no inverno atraerán a atención do visitante. Coa preamar a enseada volverase solitaria e tranquila, coa axuda duns prismáticos poderemos ver as aves descansando sobre as rocas e nos illotes, moitas delas limpándose a plumaxe.
Datos técnicos
Inicio: praia das Saíñas
Fin: no mesmo lugar
Lonxitude: 3,4 quilómetros
Dificultade: baixa
Tempo estimado: 2 horas
Flora e fauna
O mazarico “Numenius arquata“ : Entre as aves limícolas que visitan a enseada, é a de maior tamaño, e resulta inconfundible polo seu longo e curvo pico. Máis de duascentas chegan a pasar aquí o inverno. No paso da primavera e do outono tamén se pode ver o mazarico galego “Numenius Phaeopus” .
O loureiro “Laurus Nobilis“: Trátase dunha árbore de casca lisa e escura, fácil de recoñecer polas súas fortes e aromáticas follas. Foi moi cultivada polo seu uso como condimento e polas súas propiedades medicinais. Abunda asilvestrada, así como en sebes e nos bordos dos camiños.
A leituga de mar “Ulva Rigida“ : No litoral galego utilizáronse dende sempre as algas para aboar os campos e para alimentar ao gando. A leituga de mar é a máis empregada pola súa abundancia. Ten unha cor verde brillante que ás veces torna amarela pola acción do sol. Grazas á súa recollida na enseada, as especies animais que viven baixo o lodo e na area non morren asfixiadas.
Descrición da ruta
Iniciaremos a ruta na praia das Saíñas. Fronte a nós, detrás do polígono de bateas, atópase O Grove, á nosa esquerda o istmo da Lanzada e á dereita a illa da Toxa.
Tanto nesta praia como na seguinte, Fontiñas, atoparemos gran cantidade de algas e de cunchas de moluscos. Ao fin da praia de Fontiñas, teremos que continuar pola beira rochosa ata adentrarnos nun bosque de piñeiros e eucaliptos. Pouco despois chegaremos a unha pista asfaltada que nos levará de novo ao litoral. Á nosa dereita deixaremos os restos dunha antiga fábrica de tellas. Atoparémonos entón ante O Bico da Ra, un dos puntos máis importantes da enseada para o descanso das aves durante a preamar nos meses de inverno que adoita estar poboado por garzas, garzotas e gran cantidade de limícolas. Cabe destacar a vexetación presente, adaptada a vivir no medio salobre do litoral.
Avanzaremos pola costa ata o final da praia de Pereiro, que é un espléndido punto de observación de aves que se alimentan na zona do Couto. Xa de volta, no seguinte tramo, teremos que prestar especial atención xa que camiñaremos por unha estrada desde a que se poderá observar unha boa panorámica da enseada.
Saíndo desta estrada cara ao litoral pasaremos de novo polas praias de Fontiñas e Saíñas, e poderemos comprobar a subida ou baixada da marea.