XIMNASIA PARA MAIORES EN CAMBADOS

XIMNASIA PARA MAIORES EN CAMBADOS

O Concelleiro de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade, Tino Cordal, e o Representante de Aquafit Gestión, S.L., Alberto Durán, chegaron esta semana a un acordo para promover a ximnasia entre as persoas maiores de 65 anos nas instalacións do Pavillón Municipal de Deportes de Cambados.

Este acordo permitiralle ás persoas maiores de 65 anos que se inscriban nesta actividade deportiva pagar tan só 9 euros ao mes polas clases de ximnasia no pavillón. As sesións comezarán o vindeiro 2 de outubro con tres xornadas semanais (luns, mércores e venres) en dous horarios diferentes (de 10 a 11 e de 11 a 12 da mañá). O número de prazas dispoñibles é limitado, sendo de 60 persoas en total (30 para cada unha das sesións).

As persoas que desexen inscribirse poden facelo no despacho de servizos sociais situado na primeira planta da Casa do Concello. O prazo estará aberto ata que se completen as 60 prazas dispoñibles.

O Concelleiro de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade, Tino Cordal, explicou que o obxectivo fundamental deste acordo acadado con Aquafit Gestión, S.L., empresa adxudicataria das instalacións da piscina municipal cambadesa, é incentivar as prácticas saudables, o exercicio físico e o deporte entre as persoas maiores.

No pasado mes de xaneiro ámbalas dúas partes chegaron a un acordo similar para promover a natación entre as persoas maiores de 65 anos na piscina municipal de Cambados. Ese acordo permitiulle aos maiores cambadeses utilizar as instalacións da piscina a un prezo reducido sen ter que pagar tampouco a matrícula de inscrición.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.