“UN FEIXE DE CONTOS” DE CRIS DE CALDAS O MERCORES NA BIBLIOTECA MUNICIPAL LUÍS REI DE CAMBADOS

“UN FEIXE DE CONTOS” DE CRIS DE CALDAS O MERCORES NA BIBLIOTECA MUNICIPAL LUÍS REI DE CAMBADOS

A Concellería de Cultura de Cambados, ofrece o espectáculo de narración oral “Un feixe de contos”, de Cris de Caldas, que terá lugar na Biblioteca Municipal o próximo mercores 1 de xuño, ás 11:00 horas. A este evento, coa entrada libre, pensado para adultos e aberto para todos os públicos en xeral, están convidadas as persoas usuarias do Centro de Día para maiores de Cambados e do Centro de Día Lembranzas, tamén situado na vila cambadesa.  

“Un feixe de contos” é unha recompilación de contos tradicionais e historias da vida, con certos aires aos contos de antano pero aptos para calquera persoa aínda que non vivira aqueles tempos. Nos contos hai unha temática variada destacando a retranca e o humor. A duración aproximada é dunha hora.

Trátase tamén de facer unha homenaxe ás mulleres galegas e á memoria doutros tempos, sabendo que se descoñecemos o noso pasado, quedamos eivadas para o futuro. Cris de Caldas retoma aquí os contos tradicionais que de sempre se escoitaron nos que hai humor, retranca, sabedoría popular e picaresca. Entre os personaxes principais temos á escuridade da noite e todo o que ela trae, a morte, a comida e moita muller con ganas de sentirse viva, aínda que non llo poñan doado. É un espectáculo para as lembranzas que non deberíamos esquecer intentando debuxar un sorriso na faciana de quen escoita.

“Do mesmo xeito que hai quen recolle herba para dar de comer, eu recollo historias para dalas a coñecer. Recompilo as historias de vidas interesantes e os contos que outros me contaron. Así é como eu carrexo un feixe de contos, de xeito similar a cando axudaba nas tarefas do campo coa miña avoa Carmela, quen sempre tiña un conto na boca e eu, unha orella para escoitala. Desde que ela non está, ando buscando orellas con ganas de escoitar os seus contos e historias. Desde que ela non está, eu conto para non esquecela. Desde que ela non está, eu conto para que ela sega estando.

Ás veces, levo os feixes de conto na cabeza e outras, nas costas, pero sempre preto de min para poder transmitilos a quen os precise. Porque para non olvidar eu preciso contar e a ti, vaiche prestar escoitar. Palabra de contadora!” Cris de Caldas.