TEATRO E MAXIA NO NADAL

Dende a Concellería de Cultura do Concello de Cambados seguimos a propoñer interesantes iniciativas para facer deste Nadal unha escusa perfecta para divertirse en familia a través do teatro e a maxia. Así esta fin de semana, e dando inicio ao 2016 o Auditorio da Xuventude contará con tres citas ineludibles no calendario dos veciños de Cambados.

Así, o sábado 2 de xaneiro ás 18.00 horas, comezaremos con Dani García e o seu espectáculo “Volta á maxia”. Este mago novo fundou a súa propia compañía en 2004 co obxectivo de producir e interpretar os seus propios espectáculos. Na actualidade e tras unha década de traballo, compaxina as actuacións en Galicia con estancias, funcións e formacións nos Estados Unidos. Naquelas terras recoñeceron xa o seu talento con galardóns como o 1º Premio Michigan Magic Day, o 2º Premio Close Up Contest IBM Rising de St. Louis ou o 2º Premio TAOM Texas. Esa bagaxe permítelle crear producións propias que son auténticas obras de teatro máxicas, onde todo ten un porqué e unha lóxica que fai do ilusionismo algo intanxible, pero próximo para o público. No espectáculo do vindeiro sábado todos os que se acheguen poderán dicir que asistiron ao primeiro show de maxia onde o público é quen decide o guión do espectáculo. E é que nada estará escrito nesta montaxe que se camufla baixo a parodia dun concurso televisivo onde se lle dará unha volta á maxia. Esta é unha obra infantil, só apta para nenos e nenas…aínda que xa peiteen canas.

Ao día seguinte tocaralle o turno á compañía de teatro cambadesa “No Garaxe” que a partir das 19.00 horas porá en escena “O achado do Castro” de Manuel Núñez Singala. Teatro no Garaxe naceu da desaparecida Escola Municipal de Teatro de Cambados. Este grupo afeccionado, pero xa con taboas dabondo, dará vida este domingo a unha comedia na que o humor o é todo, unha historia que, pulando por riba do anacrónico e profundando na súa esencial hilaridade, nos retrotrae á Roma histórica da man duns personaxes arquetípicos que se comunican nun galego inzado de latín macarrónico e que se enlean en enredos cómicos cheos de equívocos e confusións que producen no espectador unha clara empatía e doado recoñecemento.

E xa o luns 4 de xaneiro, para templar os nervios antes da chegada dos Reis Magos a Cambados, os nenos poderán gozar do bo facer de Bandullo Azul. Compañía creada no 2012, nada en plena crise, os recortes afectaron tanto a esta nova compañía que soamente está formada por dous actores, xa que, como din, tres son multitude. Evaristo Calvo regresa aos escenarios para presentarnos a historia de Maestro e de Pupilo (estrea en Cambados), dous disparatados cómicos que farán que nos riamos con eles. Ou talvez deles.

Maestro, unha vella gloria dos escenarios, leva toda unha vida viaxando polo mundo co seu espectáculo, Play. Nesta ocasión recala en Galicia co seu teatrino, pero non vén só. Decidiu fai un tempo que hai de retirarse e por iso acolleu na súa escangallada caravana un aprendiz, Pupilo, para que sexa o seu sucesor. Entre os dous xurdirán varios conflitos, que terán que resolver para que o espectáculo continúe.

Dende a Concellería de Cultura recomendan non faltar a estas tres citas nas que as risas están garantidas. As dúas primeiras propostas son de balde, ata completar aforamento, mentres que a terceira ten un custo na entrada normal de 3,5€ (e 2,5€ na reducida).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.