SERVIZOS SOCIAIS ORGANIZA UNA EXCURSIÓN ÁS ILLAS CÍES PARA MAIORES DE 65 ANOS

SERVIZOS SOCIAIS ORGANIZA UNA EXCURSIÓN ÁS ILLAS CÍES PARA MAIORES DE 65 ANOS

A Concellería de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade, dirixida por Tino Cordal, organiza una excursión ás Illas Cíes para maiores de 65 anos. A excursión realizarase o vindeiro xoves 15 de xuño.

O Concello alugou con esa finalidade un catamarán que sairá do porto de Tragobe ás 10 da mañá dese día. A viaxe de Cambados a Cíes en barco dura aproximadamente dúas horas, co que se espera atracar no peirao da principal illa do Parque Nacional das Illas Atlánticas arredor do mediodía.

En Cíes, os excursionistas cambadeses estarán acompañados por varias guías que lles amosarán os encantos destas paradisíacas illas. Está previsto que a comitiva xante no propio restaurante localizado a carón da praia de Rodas, considerada unha das máis fermosas do mundo. O regreso dende Cíes será ás 18:45 horas, chegando a Cambados ás 20:45.

A viaxe é gratuíta e estará sufragada integramente pola partida orzamentaria para a Terceira Idade do Concello de Cambados. O xantar en Cíes correrá por conta dos excursionistas.

As prazas para esta excursión son limitadas. Hai que inscribirse no Concello, no despacho da Concellería de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade, sito na primeira planta da Casa Consistorial. Un requisito indispensable para poder participar desta excursión é estar empadroado en Cambados.

A Concellería de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade entende que este tipo de actividades son moi beneficiosas para a saúde física e mental dos nosos maiores. Ademais, moitos deles terán unha oportunidade única para visitar por primeira vez as Illas Cíes, auténtica xoia do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

A Concellería de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade quere impulsar a realización de actividades saudables para persoas maiores. Por iso, no mes de xullo organizará tamén unha andaina que percorrerá o centro de Cambados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.