Baixo o nome “Saborea o verán!” a Biblioteca Municipal Luís Rei ten preparada unha completa programación de actividades infantís que terán lugar entre os meses de xullo e agosto.
O obxectivo das mesmas é axudar ás familias cambadesas na conciliación da vida familiar e laboral, ofertando á vez, propostas divertidas e didácticas para os rapaces durante as vacacións. Trátase dun amplo abano de obradoiros e xogos que se desenvolverán polas mañás, de 10.30 a 13.30 horas, de luns a venres, para nenos a partir de primeiro de primaria.
Como vén sendo habitual haberá actividades gratuítas relacionadas coas novas tecnoloxías, “EnREDamos cos ordenadores”, para que os nenos se divirtan á vez que amplían os seus coñecementos na informática, a internet e a mecanografía. Tamén haberá un obradoiro para o achegamento á lingua inglesa (“English and fun!”). Do mesmo xeito, con “Repasamos no verán”, tamén haberá tempo para o repaso e o apoio escolar. Co obradoiro “L-emos!” dinamizarase o hábito á lectura en papel e coas novas tecnoloxías, para lectores principiantes, todavía coa “L”. Outra aposta importante será pola creatividade nos traballos manuais, empregando diferentes técnicas en “Creamos cas mans!”.
Ademáis ofertaranse as seguintes actividades subvencionadas grazas ao programa Ler conta moito, da Xunta de Galicia:
-Sesión de Divermaxia con A illa dos nenos, o martes 8 de agosto para todos os públicos ata completar aforamento.
-Obradoiro Libros, imaxes curtametraxes !, os martes 22 e 29 de agosto, para achegar aos rapaces o mundo da creación cinematográfica. A inscrición é de balde ata cubrir as prazas (para rapaces e rapazas a partir de 10 anos).
Para ampliar a oferta, tamén se propoñen os seguintes obradoiros de pago:
–Xadrez, os venres.
–“Pequechefs de conto!” con receitas baseadas nos contos, que se realizará na aula de catas do Salón de J. Peña durante os mércores de xullo e agosto.
–“Pintura creativa con Emérita Méndez”, que levará a cabo todos os luns de agosto.
–Robótica-Lego Educación, os xoves.
As inscricións para estas actividades realizaranse do 19 ao 29 de xuño. Os interesados poden achegarse pola mañá en horario de 10.00 a 14.00 horas. As prazas son limitadas e a inscrición realizarase por rigorosa orde de chegada.
Dende a Concellería de Ensino, Patrimonio e Cultura do Concello de Cambados, o seu responsable Victor Caamaño anima a todos os nenos e nenas da vila a apuntarse para gozar dun verán entre libros e diversión.
Para máis información poden contactar co persoal do Departamento de Cultura no teléfono 986 520 008, ou no 986 520 902 ext. 764 e 765.