O Concello de Cambados recuperou e puxo en valor as antigas pezas do sistema hidráulico do Convento Franciscano no Día do Patrimonio
Hoxe luns 16 de novembro celebramos o Día Internacional do Patrimonio Mundial. Na Concellaría de Patrimonio do Concello de Cambados traballamos para conservar, protexer e difundir o noso patrimonio documental, no que se reflicte a memoria colectiva de Cambados.
O Concello de Cambados adhírese ao compromiso de velar pola protección desta valiosa fonte de coñecemento da nosa diversidade cultural e social. En 2021 cumplense 20 anos da Declaración de Ben de Interese Cultural do Conxunto Histórico Artístico de Cambados, motivo polo que se van realizar unha serie de actividades que ao longo deste ano van poñer en valor, protexer e divulgar o Patrimonio Histórico do pobo de Cambados.
Unha destas actividades foi a recuperación e posta en valor de 5 pezas do sistema hidráulico do antigo Convento Franciscano gracias a colaboración do historiador cambades Gumersindo Mosteiro.
A LEVADA DO CONVENTO
O convento da Concepción de Cambados foi erguido polo mercador Xoán de Abal e a súa muller María Pérez de Leiro, de familia de escudeiros, para unha comunidade franciscana procedente da Custodia da illa de San Simón a partir de 1578 sobre a horta e lagares do crego Rodrigo de Lamas, que quixera facer unha capela e hospital, e outros predios que ceden o concello de Cambados e o seu señor, conde de Fuentes.
Remátase o convento no ano 1588, salvo unha ampliación de 1612 e o adro no 1622, e aínda se engaden aos terreos orixinais a doazón da casa e horta do carpinteiro Antón de Armada para un campo de laranxeiras e outros que mercan os frades coas esmolas para plantar unha carballeira que lles dea leña e para ampliar a horta coa granxa de Beleco.
A horta vaise mellorando cos anos para servir ás necesidades dos frades –hai que ter en conta que tiña hospedería, casa de noviciado e foi sé do colexio de misións–, incorporando as infraestruturas precisas. Así, a muralla e un campo de limoeiros acométense no 1656.
Para o sistema hidráulico coa súa levada non contamos con documentación precisa pero é datable entre a fundación e estas obras de mellora. Obtense a auga de dúas minas furadas nun extremo da horta da Casa da Granxa ou pazo da Capitana, que deita nun estanque, dúas levadas labradas en pedra e un lavadoiro dentro da eira deste pazo. As canles, tras se uniren nunha única peza, enchían un estanque en Beleco e corrían pola granxa en dirección ao convento, entrando pola parte norte da horta dos frades.
Xa dentro do recinto amurallado era utilizada esta auga para a rega das froiteiras, leiras, horta e xardíns, así como para as fontes, lavadoiro e servizo da igrexa, contando con varias bocas, das que se conservan dúas. A fonte de maior calidade é a que serve na antesancristía, labrada na fronte cunha liña de pomas e dúas testas de anxos coas ás enlazadas mediante unha grilanda. Outra fonte máis sinxela sitúase á beira do lavadoiro da biblioteca, labrada cunha cara moi tosca.
Desamortízase e abandónase o convento no 1835, usado algún tempo como cuartel de milicias urbanas, cadea, escola pública e colexio electoral. A horta, a granxa de Beleco e parte da carballeira son compradas polo comerciante Lorenzo María Fraga, facendo un pombal no 1845. Empézase a destruír o edificio no 1844 e remátase, salvo un pequeno anaco, entre 1868 e 1873, adquirindo o fillo de Lorenzo, José Fraga, tamén esta parte, onde se fará a coñecida en Cambados como Casa de Furruxe polo alcume dos propietarios, agora Biblioteca Municipal Luís Rei.
A granxa de Beleco e a horta foron urbanizadas pouco a pouco desde os anos 60 do pasado século, perdéndose as áreas de cultivo, xardíns, froiteiras e sistema hidráulico coa súa levada. Entre as testemuñas que coñeceron aínda esta vizosa horta co seu sistema hidráulico e que a describiron eloxiosamente ao son da auga que a percorría nas primeiras décadas do século XX están Ramón Cabanillas, Armando Cotarelo Valledor e Xaquín Sánchez Peña.
“De este convento aún se conservan, en la huerta, el limonar, la carrera de bojes con su gran mesa de piedra, varias imágenes pétreas hechas por los frailes y un bien fabricado acueducto que conduce el agua desde la huerta llamada del capitán Pérez, donde está la mina, teniendo el dueño el privilegio de entrar en la repetida huerta por una puerta construida ad hoc para limpiar la mina y vigilar el canal”.
Xaquín Sánchez Peña, Historia de Cambados, desde 1927.
“El huerto, ahora de propiedad particular, abarca más de media hectárea de irregular perímetro cercado por sencillo muro. Dentro subsisten vestigios de algunas fábricas de ornato como albercas, escaleras y una hermosa acequia de piedra para el agua traída de bastante lejos. Su antigua frondosidad, que debió de ser espléndida dado el benigno clima de la comarca, hállase atestiguada por venerables árboles, entre ellos bellísimos naranjos y limoneros”.
Armando Cotarelo Valledor, El convento de Cambados, 1929.
Pol-as ventanas, da horta
deitada ó sol, sonolenta,
rubía o cantar da ágoa
nos fondos pilóns de pedra
e os arumes dos laranxos,
dos craudios e das pereiras…
¡Ou vellas hortas dos frades
silenzosas, limpas, frescas,
de mainos soutos sombrizos,
coidados tallóns de afresas,
podados buxos que visten
de pracidez as carreiras,
doces froitas, ágoas craras
e longas mesas de pedra
baixo o encanto dos parrales
que recobren as grorietas!
¡Ou vellas hortas dos frades,
arumadas pol-a lenda,
que gardades as historias
de outros tempos, envolveitas
no misterio de altos valos
en que verdexan as edras!
Ramón Cabanillas, Vento Mareiro, 1915.