PROXECCIÓN DO DOCUMENTAL SOBRE O CONFLITO DA MEGAMINA EN TOURO E O PINO, ‘A AMEAZA DO COBRE’

PROXECCIÓN DO DOCUMENTAL SOBRE O CONFLITO DA MEGAMINA EN TOURO E O PINO, ‘A AMEAZA DO COBRE’

“Por unha banda dinche que veñas ao rural, e por outra estanche cortando o teu medio de vida. Non sei a quen queren enganar”. A frase é dun dos gandeiros protagonistas do documental Touro – O Pino. A ameaza do cobre. No filme, de case unha hora de duración, abórdase o conflito xurdido nestes dous concellos e na súa contorna ante o megaproxecto que pretende Cobre San Rafael, da man da multinacional Atalaya Mining e a través da reapertura das vellas minas de cobre, e do que se advirte un forte impacto medioambiental, económico e social na zona.

O documental será presentado neste mércores 6 de xuño ás 20:30 horas no Salón de Actos de Exposalnés, nun acto no que estará presente o presidente da Asociación Véspera de Nada, Xoan Doldán, que organiza o acto xunto con Contraminacción, Rede contra a Minaría Destrutiva de Galiza e a Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON, ademais de ser presentado polo concelleiro de Servicios Sociais e Sanidade e Tenente de Alcalde, Tino Cordal. Que participaran trala proxección nun coloquio cos asistentes ao acto.

O filme, elaborado por Tingalaranga Audiovisual en colaboración con Nós TV, recolle testemuños de científicos, alcaldes, empresarios e habitantes dos municipios afectados. “Este proxecto é totalmente incompatible coa agricultura, a gandería ou un negocio coma o meu”, pódese oír no tráiler da boca dunha muller que rexenta unha casa rural.

Como lembra a Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON, o documental debulla o conflito arredor dunha explotación “moi cuestionada”, xa que  “afectaría ao Camiño de Santiago, a moitas empresas de turismo, gandería, agricultura, así como ás augas que abastecen a comarca, existindo riscos graves para a vida das persoas de zonas coma Arinteiro”. “O rio Ulla podería verse gravemente afectado e mesmo as zonas marisqueiras da súa desembocadura na Arousa”, advirten sobre un proxecto moi contestado e que o vindeiro 10 de xuño ten programada unha gran manifestación en Santiago de Compostela.