PROGRAMACIÓN DE VERÁN NA BIBLIOTECA LUÍS REI

PROGRAMACIÓN DE VERÁN NA BIBLIOTECA LUÍS REI

A Biblioteca Municipal Luís Rei ten xa preparada unha completa programación de actividades infantís que este verán terá lugar entre os meses de xullo e agosto.

O obxectivo das mesmas é axudar ás familias cambadesas na conciliación da vida familiar e laboral, ofertando á vez, propostas divertidas e didácticas para os rapaces durante as vacacións. Trátase dun nutrido abano de obradoiros e xogos que se desenvolverán polas mañás, de 10.30 a 13.30 horas, de luns a venres, para nenos a partir de primeiro de primaria.

Como vén sendo habitual haberá actividades gratuítas relacionadas coas novas tecnoloxías, “EnREDamos cos ordenadores”, para que os nenos se divirtan á vez que amplían os seus coñecementos na informática, a internet e a mecanografía. Tamén haberá obradoiros para o achegamento ás linguas inglesa (“English and fun!”) e francesa (“Français pour les petites”). Do mesmo xeito, con “Repasamos no verán”, tamén haberá tempo para o repaso e o apoio escolar. Co obradoiro “L-emos!” dinamizarase o hábito á lectura en papel e coas novas tecnoloxías, para lectores principiantes, todavía coa “L”. Outra aposta importante será pola creatividade nos traballos manuais, empregando diferentes técnicas “Creamos cas mans!”

Ademáis ofertarase a seguinte actividade subvencionada grazas ao programa Ler conta moito, da Xunta de Galicia:

-Obradoiro A ciencia é divertida!, o 4 de xullo, para descubrir o lado más lúdico da ciencia aos máis pequenos da casa. Realizarase no Paseo a da Calzada e en Exposalnés e farase en dúas quendas, para rapaces de 3 a 5 anos e para rapaces de 1º e 2º.

Para ampliar a oferta, tamén se propoñen os seguintes obradoiros de pago (cun pequeno custo):

Algúns se manteñen dende hai anos, dada a boa acollida cada verán:

-O de Xadrez, os venres.

E o xa clásico de cociña, “Pequechefs de conto!” con receitas baseadas nos contos, que se realizará na aula de catas do Salón de J. Peña durante os martes de xullo e agosto.

-Este ano súmase, ás propostas de biblioteca, a pintora afincada en Cambados, Emérita Méndez, que levará a cabo todos os martes un obradoiro de pintura creativa.

Tamén se volverá a realizar “A Biblioteca Viaxeira”, trátase dunha serie de actividades e saídas, coas que a biblioteca deixa o seu espazo habitual para dar a coñecer diferentes entornos e persoeiros destacados da vila ou da comarca:

-Así o 1 de agosto realizarase unha “Xornada de difusión da cultura marítima” na que os rapaces coñecerán a Isidro e o seu barco tradicional O Chasula, e do mesmo xeito gozarán dunha mañá en San Tomé con mozos que están a recuperar dornas e con experimentados mariñeiros do barrio.

-O 8 de agosto terá lugar a visita á Exposición de Fotografía de Manuel Vilariño, no Pazo Torradopara coñecer a obra deste artista, Premio Nacional.

-O 22 de agosto faremos, en colaboración coa SEO BirdLife de Pontevedra, un Avistamento de aves pola beira sur do esteiro do río Umia.

-O 29 de agosto, e coincidindo coa celebración do Día Internacional da Solidariedade, faremos unha Xornada de convivencia cos voluntarios de Cruz Vermella.

As inscricións para estas actividades realizaranse do luns 27 de xuño ao 1 de xullo. Os interesados poden achegarse pola mañá en horario de 10.00 a 14.00 horas. As prazas son limitadas e a inscrición realizarase por rigorosa orde de chegada.

Así mesmo recordamos que nas diferentes casas de cultura de Corvillón, Castrelo, Vilariño e Oubiña, os técnicos de cultura do Concello desenvolverán actividades semellantes durante as referidas datas de xullo e agosto.

Dende a Concellería de Ensino, Patrimonio e Cultura do Concello de Cambados, o seu responsable Víctor Caamaño anima a todos os nenos e nenas da vila a apuntarse para gozar dun verán entre libros e diversión.

Para máis información poden contactar co persoal do Departamento de Cultura no teléfono 986 520 008, ou no 986 520 902 ext. 764 e 765.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.