A vindeira fin de semana preséntase cargada de actividades culturais en Cambados. O venres, o pazo de Torrado acolle a inauguración, ás 8 da tarde, da exposición “la luz que nunca se apaga”, de Juan Rivas. A exposición poderá visitarse ata o 1 de maio, en horario de 17 a 20 horas. Ese mesmo día, ás 20:30 preséntase no Auditorio da Xuventude “labrego con algo de poeta”, a biografía de Manuel María escrita por Mercedes Queixas Zas. No acto falarán Víctor Caamaño, concelleiro de Cultura, Víctor Freixanes, director xeral da editorial Galaxia, e Mercedes Queixas Zas, autora do libro. Ademais, o evento contará coa actuación de Xoán Silva e Blas.
Xa o sábado, e tamén no Auditorio da Xuventude, actuará Isi Vaamonde and The New School, coa colaboración dos artistas convidados José María Trigo, Anxo Xesteira e Paco Charlín. Será ás 18:30 e con entrada de balde.
E para rematar, o domingo ás 20:30 celebrarase o festival a beneficio da Asociación Española Contra o Cancro, no que actuarán os grupos Take It Easy e Mornura. A entrada é gratuíta, e tamén será no Auditorio da Xuventude.