PROBAS COVID NAS FARMACIAS PARA A CIDADANÍA CAMBADESA DE 40 A 64 ANOS

PROBAS COVID NAS FARMACIAS PARA A CIDADANÍA CAMBADESA DE 40 A 64 ANOS

O Concelleiro de Sanidade de Cambados, Tino Cordal, pídelles aos cambadeses e cambadesas de 40 a 64 anos de idade que se acheguen ás farmacias do municipio, coa súa tarxeta sanitaria, para facer as probas COVID ao longo desta semana. “Cantan máis persoas realicen estas probas, máis doado resultará loitar contra a expansión da pandemia na nosa vila, pois teremos un maior coñecemento da incidencia da mesma”.

Ata o de agora máis de 630 persoas xa fixeron as devanditas probas nas farmacias de Cambados, pero o obxectivo desta campaña impulsada pola Consellería de Sanidade en colaboración co Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra é acadar os 5000 tests.

Os tubos para recoller as mostras de saliva están a disposición da cidadanía nas catro farmacias da vila (que agora non teñen limitación no número de tubos a repartir, cando antes só podían dispensar 20 por día) e poderán ser devoltos coas mostras de saliva até as 13:30 horas da mañá (cando antes a hora límite para a devolución eran as 10). Ademais, a mostra poderá ser entregada na farmacia por outra persoa diferente á depositante da mostra no tubo, para facilitar así que ninguén deixe de facer a proba por incompatibilidade co seu horario laboral.

Probas de antíxenos e vacinacións no Centro de Saúde

Por outra banda, Cordal informou tamén que no Centro de Saúde de Cambados lévanse realizado dende o 5 de febreiro máis de 850 probas de antíxenos para detectar a presenza da Covid-19 naquelas persoas que foron atendidas en urxencias, xunto coas citadas polos seus respectivos médicos. Ademais, entre outubro e febreiro fixéronse unha media de 200 test ao mes. Co cal, dende o pasado outono téñense feito un total aproximado de 1650 probas.

O Tenente de Alcalde cambadés “agradécelle a todo o persoal do Centro de Saúde o excelente traballo que levan realizado nos últimos meses e durante toda a pandemia, pois están a amosar unha dedicación e unha profesionalidade realmente admirables. E como Concelleiro de Sanidade quero amosarlles ademais todo o meu apoio”.

No Centro de Saúde cambadés tamén seguen vacinando a maiores de 80 anos (comezaron por orde alfabética na letra H e xa van pola P) e iniciarán esta semana a vacinación dos cambadeses e das cambadesas de 50 a 55 anos de idade, que serán chamados por orde alfabética dos seus apelidos, comezando pola letra H.

Chamamento á responsabilidade

Finalmente, o Concelleiro de Sanidade quere facer un novo chamamento á responsabilidade de toda a cidadanía. Debemos ser cautelosos e precavidos, respectar as normas e evitar calquera situación de risco. Só así poderemos rematar axiña con este longuísimo pesadelo.