Presentación do XII Concurso de Camisetas do Albariño e dunha pulseira identificativa para nenos

Presentación do XII Concurso de Camisetas do Albariño e dunha pulseira identificativa para nenos
  • Iniciativa para fomentar a creatividade e a participación das persoas asistentes á festa, así como para promocionar o comercio local de Cambados
  • Haberá tres premios, cunha contía total de 600€, que serán entregados en forma de vales de compra. A entrega farase o sábado día 3 de agosto, ás 12.30 horas
  • Tamén se presentou hoxe unha pulseira identificativa para que os proxenitores engadan o nome do menor e o número de teléfono ao que chamar en caso de perda

Cambados, 19 de xullo – O Concello de Cambados, a través da Concelleira de Comercio, Carolina Laya, e a Asociación Zona Centro, por mediación do seu Presidente, Juan Rey, presentaron hoxe en Cambados o XII Concurso de Camisetas do Albariño.

Este concurso, que xa é habitual na vila do Albariño, convócase para fomentar a creatividade e a participación das persoas asistentes á festa, así como para promocionar o comercio local de Cambados.

concurso-camisetas-albarinoPoderán presentarse ao mesmo tódolos grupos que o desexen, non existindo ningún importe de inscrición para facelo e tendo que ser maior de 18 anos de idade a persoa que inscribe ao grupo. Para formalizar a inscrición, que deberá facerse no local de Zona Centro, na rúa Nova nº4 en horario de 9.00 h a 14.00 h, será necesario cumprimentar a folla de inscrición e depositar unha camiseta para que o xurado poida facer a valoración pertinente.

Haberá liberdade na temática dos lemas sempre e cando non exista ofensa de ningún tipo a calquera persoa física ou xurídica. Faise fincapé en que non se permitirán mensaxes machistas ou que degraden á muller.

Os premios serán tres, ao igual que anos anteriores, e a contía total dos mesmos, que se entregarán en forma de vales de compra, será de 600€ (300€ para o primeiro premio, 200€ para o segundo e 100€ para o terceiro).

A entrega do premio será o sábado día 3 de agosto no Concello de Cambados, ás 12.30 horas, cando se exporán ante os medios as camisetas gañadoras do concurso.

Pulseira identificativa para os máis pequenos

pulseira-identificativa-albarino

A mención á seguridade é unha das que máis se repite cando se fala da vindeira Festa do Albariño. Nesta liña, o Concello de Cambados e Zona Centro presentaron tamén hoxe unha pulseira identificativa para nenos onde os seus pais poderán incluír o nome do pequeno xunto ao número de teléfono ao que se debería chamar no caso de que o menor se perdera.

Estas pulseiras, distribuiranse a través do Concello durante a propia festa, na Oficina de Turismo, no Punto Morado e na propia Policía Local. Para recollelas o adulto responsable deberá acudir a calquera destes tres puntos acompañado polo seu fillo ou filla e solicitalas alí mesmo.