PRESENTACIÓN DO LIBRO ALEJANDRO VIANA ESPERÓN, UN GALEGO A FRONTE DO RESCATE DOS REFUXIADOS REPUBLICANOS

PRESENTACIÓN DO LIBRO ALEJANDRO VIANA ESPERÓN, UN GALEGO A FRONTE DO RESCATE DOS REFUXIADOS REPUBLICANOS

O Venres 4 de marzo ás 20.00h no salón de actos da Casa da Calzada contaremos coa presentación do libro sobre Alejandro Viana, e escrito por Roberto Mera. A presentación contará coa intervención do Concelleiro de Cultura, Tino Cordal, e do autor, nun acto conducido por Roque Durán.

Na Europa ocupada polos nazis, miles de exiliados republicanos españois devecían por chegar a América para salvar as súas vidas. Entre eles atopábase Alejandro Viana Esperón (Ponteareas, 1877 - México DF, 1952), deputado republicano de esquerdas ao que ben se podería alcumar como o Schindler galego. Á fronte de varias organizacións humanitarias, entre elas o Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles, Alejandro Viana organizou dende Francia a saída de miles de refuxiados nunha trintena de expedicións marítimas colectivas a distintos países de América, na súa maioría a México.

Cos alemáns en Francia, Viana arriscou a súa vida para continuar axudando os exiliados até que, acosado pola Falange e a Gestapo, emprendeu en 1941 unha desesperada fuxida. Logo de once meses de anguriante viaxe por África, logrou chegar a México. Alí reencontrouse, tempo despois, coa súa dona, tras once anos de separación, e viviu coa certeza de que xamais podería retornar á súa terra.

Roberto Mera narra neste libro a extraordinaria odisea iniciada o 18 de xullo de 1936 polo seu tío bisavó, recuperando para a historia a proeza dun home íntegro e entregado aos demais.

O autor

Roberto Mera Covas (Ponteareas, 1971)

Licenciado en Dereito e Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela. É avogado e politicólogo. Realizou a investigación biográfica do seu tío-bisavó, o político e industrial Alejandro Viana Esperón, de quen publicou varios traballos e o libro «Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos» (Belagua Ediciones. 2021).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.