Sra. alcaldesa,
Sras. concelleiras e sres. concelleiros,
veciñas e veciños de Cambados, do Salnés e doutras terras,
familiares meus,
amigas e amigos,
O evanxelista Lucas puxo na boca de Cristo a coñecidísima expresión de que ninguén é profeta na súa terra. No meu caso recoñezo que este dito bíblico non é verdade, porque o goberno municipal do Partido Popular de Cambados me concedeu a Folla de Prata no Eido de Cultura e Artes Plásticas na Gala do Albariño do 2005; os libreiros do concello outorgáronme o VI Premio Ramón Cabanillas no cincuentenario da morte do poeta de Fefiñáns; os mariñeiros e as mariscadoras do Pósito premiáronme no 2010 coa Vieira de Ouro; e este ano o goberno cuatripartito noméame pregoeiro da Festa do Albariño e o vindeiro domingo entrégame unha das distincións albariñenses, a Folla de Ouro.
Cando Víctor Caamaño, primeiro tenente de alcalde, me comunicou o acordo de ser pregoeiro quedei sen fala, porque nunca tal cousa eu imaxinara; no breve silencio da conversa Víctor díxome que o pensase. De golpe viñéronme á mente ilustres pregoeiros da Festa (Álvaro Cunqueiro, Otero Pedrayo, Filgueira Valverde, Xosé Manuel Beiras, Manuel María, Antón Fraguas, Fernández del Riego…), clásicos da literatura e do ensaio galego, todos cunha vida de entrega á causa de Galicia. Parecíame enorme a responsabilidade e un reto insólito; con todo, sen darlle moitas voltas, díxenlle a Victor que contasen comigo, que era unha honra inmensa ler o pregón dunha festa que fun vendo como se convertía na máis popular do concello e que se desenvolve en rúas, paseos e prazas que coñezo moi ben por formaren parte do meu escenario vital.
Beizón, pois, alcaldesa e corporación municipal de Cambados, por esta inesperada honra….
Descargar: Pregón Festa Albariño 2016 Francisco Fernandez.pdf