NOVO “ABONO 3ª IDADE MAÑÁS”, MEDIANTE O CAL A MATRÍCULA SERÁ GRATUÍTA, A MENSUALIDADE CUSTARÁ TAN SÓ 5 EUROS E HABERÁ ADEMAIS UNHA ACTIVIDADE SEMANAL DIRIXIDA TAMÉN GRATUÍTA.
O Concelleiro de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade, Tino Cordal, e o Representante de Aquafit Gestión, S.L., Alberto Durán, chegaron esta semana a un acordo para promover o deporte entre as persoas maiores de 65 anos nas instalacións da piscina municipal de Cambados.
Dito acordo consiste na promoción dun novo “Abono 3ª Idade Mañás”, mediante o cal a matrícula será gratuíta, a mensualidade custará tan só 5 euros e haberá ademais unha actividade semanal dirixida tamén gratuíta. Cabe lembrar que os prezos habituais da matrícula e da mensualidade son 20 e 19 euros, respectivamente.
Este “Abono 3ª Idade Mañás” dará dereito a que as persoas maiores de 65 anos que se inscriban e acollan a el poidan utilizar de xeito libre os servizos que se ofertan nas instalacións situadas na zona polideportiva do Pombal: piscina, ximnasio e spa. Este acordo para a promoción do deporte entre as persoas maiores de 65 anos durará inicialmente dous meses (febreiro e marzo), aínda que en función da demanda e da resposta recibida por parte dos potenciais destinatarios poderase prolongar durante máis meses.
Os maiores de 65 anos poderán participar ademais nunha actividade especial (piscina, tarifa plana, circuíto hidráulico do ximnasio) para dar a coñecer as instalacións e as actividades que se imparten nela. O Concelleiro de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade, Tino Cordal, explicou que o obxectivo fundamental deste acordo acadado con Aquafit Gestión, S.L., empresa adxudicataria das instalacións da piscina municipal cambadesa, é incentivar as prácticas saudables, o exercicio físico e o deporte entre as persoas maiores.