O próximo 12 de setembro co inicio do curso escolar 2018-2019, nos colexios de Cambados, comezará o Plan Madruga. Por segundo ano consecutivo este servizo que ofrece a Concellaría de Cultura e Ensino do Concello de Cambados, iniciarase ao mesmo tempo ca o comezo do curso escolar. Ademais por primeira vez o citado servizo realizarase tamén no Colexio Público de Corvillón, de xeito, que o Plan Madruga cubra as necesidades de todos os centros de ensino de Infantil e Primaria de Cambados.
Un total de 12 monitores, entre as 7:45 e as 9:00 horas, atenderán aos 180 nenos e nenas apuntados ata o momento nos colexios de San Tomé, Magariños, a Pastora, Castrelo, Vilariño e Corvillón.
A día de hoxe están aceptados todos os usuarios apuntados neste servizo ata esta data e seguirá acolléndose nenos e nenas naqueles colexios que aínda teñen capacidade de facelo.
Recordemos que o Plan Madruga é un servizo imprescindible para a conciliación familiar dos veciños e veciñas de Cambados e que se complementa co funcionamento dos comedores escolares municipais. Actualmente están en funcionamento os comedores escolares dos Colexios Magariños e Vilariño, e durante este curso agárdase por en marcha o comedor escolar do Colexio de Castrelo, así como o do Colexio de San Tomé, no seguinte curso escolar 2019-20. Durante estes últimos dous cursos puido percibirse un claro incremento do número de alumnos/as do Plan Madruga naqueles centros nos que está en funcionamento o comedor escolar, quedando claro que son dúas medidas complementarias imprescindibles para que pais e nais poidan conciliar a súa vida laboral e familiar.