Dende o vindeiro mércores 1 dexuño, e ata cubrir as 15 vacantes dispoñibles, está aberto o prazo de inscrición no Obradoiro de Pilates para persoas maiores de 65 anos que organiza Cruz Vermella O Salnés na Biblioteca Municipal Luís Rei. Trátase dun curso gratuíto que se levará a cabo os venres de xullo e agosto de 11.30 a 12.30 da mañá. As clases serán impartidas por unha monitora especializada e faranse tanto no interior como no exterior da Casa dos Fraga.
Grazas ao apoio de Cruz Vermella, a Biblioteca Municipal pretende incentivar este tipo de actividades colaborativas para maiores de 65 anos co voluntariado desta institución, dado o éxito da anterior e primeira experiencia para este colectivo co obradoiro de pintura “Arte e saúde” que se celebrou o pasado inverno e que mesmo tivo listaxe de espera.
O obradoiro de Pilates encóntrase dentro do proxecto dirixido a maiores “Saúde Constante”, para o que Cruz Vermella conta coa financiación do Ministerio de Sanidade, Servicios Soiais e Igualdade, e ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 65 anos no seu proceso de envellecemento.
Con esta actividade en concreto, preténdese reducir o impacto negativo do deterioro físico das persoas maiores. O método Pilates é beneficioso debido á súa capacidadede adaptación ás necesidades de quen o practica. Ademais, permite o aumento da flexibilidade, a forza, o equilibrio e o tono muscular, axuda a previr lesións, desgaste e caídas, aumentando así a seguridade nun mesmo e a sua autonomía.
As persoas interesadas na actividade poden facer a súa inscrición na Biblioteca a partir do 1 de xuño en horario de 10.00 a 14.00 horas.