O xoves 15 de outubro deu comezo o obradoiro de “Arte e Saúde” en colaboración coa Cruz Vermella. Un total de 18 participantes maiores de 65 anos esgotaron as prazas dispoñibles para este curso que terá lugar na Biblioteca Municipal todos os xoves ata o 26 de novembro, de 11 a 13 horas.
O obradoiro tratará de achegar ás persoas participantes ás disciplinas artísticas, como a pintura, o debuxo e o collage, potenciando o estado de saúde e benestar a través do traballo creativo, e sensibilizando ao alunmado para que coñeza as posibilidades expresivas do color e a forma.
As técnicas que se usarán serán, entre outras, lápis, pastel, carbón, acrílico, tinta china etc.
Dende a biblioteca municipal agradecen o labor dos voluntarios de Cruz Vermella e a súa disposición para organizar nas súas dependencias actividades para colectivos en risco de exclusión. A colaboración entre ambas as dúas entidades nos últimos 5 anos foi sobre todo enfocada a potenciar a educación en valores para nenos, baseada en obradoiros de plástica, reciclaxe e ambiente. Nesta ocasión e por primeira vez levan a cabo unha iniciativa para persoas maiores que, como puideron comprobar, mesmo superou as súas expectativas.