O Concello opta a conseguir as frores de honra coas actuacións medioambientais e paixasísticas realizadas no último ano
O Concello de Cambados opta, por segundo ano consecutivo, a obter o recoñecemento do programa “Vilas en Flor”, unha iniciativa promovida pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar) que procura a mellora ambiental, social e conómica dos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes.
Nesta cuarta edición, a vila do albariño competirá polas frores de honra con outros 29 municipios de toda Galicia, cifra record de concellos participantes. Entre eles están Caldas de Reis, Cuntis e Vilagarcía.
O xurado do certame , formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo, visitou este mércores Cambados para valorar os espazos verdes de valor ambiental e paisaxístico que o Concello recuperou no último ano a través dos Obradoiros de Emprego de Medio Ambiente, Xardinería, Carpintería e Albanelería.
A alcaldesa, Fátima Abal, presidiu a recepción de benvida celebrada no Salón de Plenos do Concello expresando con orgullo que “coa nosa participación en Vilas en Flor damos un paso mais na mellora dos nosos espazos verdes urbanos e naturais a través dunha xestión sostible, fomentando, ao tempo a educación e concienciación ambiental da cidadanía”, indicou.
Así, acompañados pola rexedora e as técnicas de Medio Ambiente e Turismo, Nuria Vázquez e Marien Padín, os membros do xurado Manuel Rodiña e Javier Padín visitaron os novos espazos de convivencia e lecer creados no Parque de Torrado, no xardín da biblioteca municipal Luis Rei, ou na Praza dos Olivos, onde tamén se realizaron plantacións de arborado autóctono.
Asimesmo, puideron contemplar as múltiples xardineiras con gran variedade de frores aromáticas ubicadas no centro urbano e ampliación de espazos verdes.
Pero sobre todo, Cambados presenta este ano como avais para conseguir as frores de honra as actuacións realizadas para a posta en valor do Esteiro da Seca, coa colocación de elementos interpretativos sobre os recursos naturais, patrimoniais e etnográficos existentes, e o proxecto de mellora ambiental do entorno do Muiño da Seca e de acceso ao Centro Cultural de Corvillón.
Nesta contorna destacan tamén os farois de madeira integrados na paisaxe con funcionamento de placas solares que alumean no paso das persoas visitantes.
Asimesmo, ao longo deste ano foi posible a nova implantación de cinco centros de compostaxe comunitario (CCC) e os paneis informativos correspondentes repartidos polo centro da vila grazas ás axudas
concedidas pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.
En canto á xestión da auga, emprégase o rego respectuoso co medio ambiente tendo en conta o horario solar, mangueira de rego por goteo e o uso de programadores para facilitar o aforro do recurso natural cuxo orixe é a rede de abastecemento de auga potable.
Tamén se están a implementar técnicas de xeroxardinería en parques e rotondas de baixo mantemento onde se racionaliza o uso de auga mediante un diseño no que destaque o contraste de cores e materiais como cortizas de pino, cantos rodados, areas ou gravas para
decorar.
As catro rutas de sendeirismo que decorren por Cambados e ser sede de congresos relacionados co cambio climático, a problemática socioambiental e o turismo sostible son outros dos méritos presentados.
Cambados foi distinguido como “Vila en Flor” no ano 2020 con dúas frores de honra polo seu traballo na mellora do espazo verde urbano.