O VINDEIRO SÁBADO 24 DE OUTUBRO É O DÍA DAS BIBLIOTECAS, E EN CAMBADOS CELEBRARÉMOLO POR TODO O ALTO

Dende a Concellería de Cultura do Concello de Cambados, estamos a organizar a celebración do Día das Bibliotecas este sábado 24.

Temos proxectada una xornada matinal de teatro ás 12.00  horas da man de Teatro dos Gazafelhos e os seus Contos de Lobo, grazas ao programa da Xunta de Galicia Ler conta Moito, coa que se pretende agradecer a todos os usuarios da biblioteca municipal Luis Rei e as axencias de lectura das parroquias, o seu apoio e a súa participación en todas e cada unha das actividades que se desenvolven ao longo do ano. Así pouco antes do comezo do espectáculo, rapaces asiduos da biblioteca lerán un manifesto a prol da lectura e os libros, que este ano escribíu o Premio Nacional de Literatura Infantil 2014, Diego Arboleda, e a continuación premiarase aos lectores máis activos neste ano, cun lote de libros.

Ademais, dende a Concellería de Cultura informase que os rapaces do taller de informática e creación de blogs “A Bitácora da biblio”, participarán activamente nesta celebración e mesmo gravarán cachiños do acto para participar no proxecto de Isabel Coixet “Spain in a day”, no que milleiros de persoas de España enviarán microvídeos do que estean a facer ese 24 de outubro, e cos que finalmente a directora realizará un filme.

O espectáculo “Contos de Lobo” está orientado a público familiar e nenos de 3 a 10 anos, maioritariamente. Trátase dun conto interactivo onde se mestura a maxia o circo ou a hipnose…Dous personaxes dispares pero no fondo parecidos “Mon e Pe”, acordan para contar historias onde aparezan lobos… pero ao final un fai maxia, outra hipnotiza, os dous fan acrobacias…

Teatro dos Gazafelhos é  unha compañía galega nada na comarca de Ferrolterra no ano 2006 e creada por Montse Piñón e Pepablo Patinho.

Adoptando ideas como as de Michael Ende en Momo de “escoitar aos demais…”ou Antoine Saint Exupéry, “O esencial é invisible aos ollos….” e intentando contar historias sinxelas e profundas como Charles Chaplin, Ghazafelhos soña con evocar nas súas historias ás grandes xenialidades que entenderon o mais efímero da vida: a infancia.