O PROXECTO “SMARTPEME” DA DEPUTACIÓN LEVARÁ A CABO CINCO CURSOS EN MARZO NO CENTRO EXPOSALNÉS DE CAMBADOS

“SmartPeme” é un programa de asesoramento no ámbito das TIC da institución provincial destinado ás persoas emprendedoras e ás pemes da provincia

O Centro ExpoSalnés de Cambados acollerá, durante todo o mes de marzo, cinco obradoiros ao abeiro do programa “SmartPeme” da Deputación de Pontevedra. “SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

As quendas para o mes de marzo son as seguintes, todas elas en horario de 19:00 horas: o luns 6 de marzo, “Rendibiliza o teu perfil profesional aumentando seguidores en Facebook”. O xoves 9 impartirase “A túa páxina web en menos de 90 minutos”. O xoves da semana seguinte, día 16, “Google Analytics: Iniciación á analítica web”, ao que lle seguirá o martes 21 “Seguridade da información: protexe o teu smartphone” e, xa por último, o venres 31 de marzo, desenvolverase o obradoiro “Ferramentas de Google para a promoción de negocios locais”. A oficina “SmartPeme” de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no Paseo da Calzada, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.

Lembramos que o novo proxecto “SmartPeme”, en palabras da Presidenta da Deputación, Carmela Silva, “é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos”. Para isto, nas oficinas de SmartPeme no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo se están pondo en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.