O PATRIMONIO DE CAMBADOS COMO RECURSO DIDÁCTICO

O PATRIMONIO DE CAMBADOS COMO RECURSO DIDÁCTICO

O Patrimonio Histórico e Cultural de Cambados vai ser o protagonista do curso de formación para mestres co obxectivo de desenvolver competencias profesionais cara a seleccionar, utilizar e elaborar actividades didácticas empregando os recursos ofertados polas instancias culturais locais.  

Neste curso búscase coñecer diferentes propostas metodolóxicas en relación co aproveitamento didáctico das visitas e itinerarios histórico-artísticos, así como coa súa integración no currículo escolar, ademais de achegar ao profesorado as posibilidades e recursos didácticos existentes nos museos e no patrimonio histórico-artístico do Concello de Cambados.

Así. despois das dúas palestras que se celebran en Pontevedra, sobre os proxectos dos centros educativos “As palabras do Camiño” proxecto do IES Plurilingue Aquis Celenis de Caldas de Reis e “Música no Mosteiro” proxecto do IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova, os mestres asistentes ao curso desprazaranse a Cambados para realizar dúas Rutas no Patrimonio da nosa vila.

A primeira das Rutas vai ser polas Ruínas de Santa Mariña e a Torre Medieval de San Sadurniño e vai ser guiada polo Licenciado en Xeografía e Historia pola USC, na especialidade en arte medieval, Sindo Mosteiro. A segunda das Rutas vai ser no Pazo de Fefiñáns e vai ser guiada pola Licenciada en Xeografía e Historia pola USC, e Doutora en Arte Maribel Iglesias.

Segundo manifestou o Concelleiro de Cultura, Tino Cordal, este tipo de actividades onde se dá a coñecer e se pon en valor o Patrimonio histórico-artístico cambadés fan da nosa vila un referente na divulgación do Patrimonio Cultural Galego. O edil de Patrimonio de Cambados tamén valora moi positivamente este tipo de iniciativas, xa que o interese que esperta o Patrimonio Histórico na nosa vila e froito dos anos de traballo para a protección do noso Conxunto Histórico.