O DEPARTAMENTO DE ECONOMÍA E FACENDA DO CONCELLO DE CAMBADOS ATENDE AOS VECIÑOS AFECTADOS POLA REGULARIZACION DO CATASTRO

O DEPARTAMENTO DE ECONOMÍA E FACENDA DO CONCELLO DE CAMBADOS ATENDE AOS VECIÑOS AFECTADOS POLA REGULARIZACION DO CATASTRO

A Concellaría de Economía e Facenda de Cambados esta a prestar un servizo de asesoramento individualizado de atención aos veciños afectados polo catastrazo imposto en Cambados polo Ministerio de Facenda. Técnicos municipais da Concellaría de Economía e Facenda do Concello de Cambados prestan asesoramento na xestión catastral do Impostos sobre Bens Inmobles (IBI) individualizado a aqueles veciños que foron comunicados vía postal coas novas liquidacións correspondentes ao exercicio 2017 ao estaren afectados pola regularización catastral que esta a facer a administración central nos concellos de todo o estado.

Este cambio afecta principalmente ás construcións vencelladas a explotacións agrarias, gandeiras ou forestais que tiñan valor catastral cero, e que agora pasan a ter un valor catastral que obriga aos seus propietarios a abonar o IBI. A Administración do Estado está a realizar un procedemento de regularización para incorporar ao Catastro os bens inmobles rústicos e urbanos con construción, e tamén as alteracións das súas características.

Debido a esta situación, moitos veciños e veciñas de Cambados afectados por esta medida imposta pola administración central, están a recibir nos seus fogares as liquidacións correspondentes ao exercicio 2017 coas novas valoracións emitidas polo Ministerio de Facenda, motivo polo que, dende a Concellaría de Economía e Facenda do Concello de Cambados decidiuse implantar esta oficina de atención aos veciños e na que se lles asesorara non só destas novas liquidacións, senón tamén das moitas bonificacións existentes neste concello para o IBI, que no caso por exemplo das construcións vencelladas a explotacións agrarias, gandeiras ou forestais poden chegar a ser do 95% do valor do imposto, pero que na meirande parte dos casos teñen carácter rogado, e polo tanto, deben ser solicitadas previamente polos propios interesados no concello, como poden ser as Bonificación ós inmobles que constitúan o obxecto da actividade das empresas de urbanización, construción e promoción inmobiliaria, as Bonificación ás vivendas de protección oficial, as Bonificación para vivendas de aluguer social, as xa mencionadas Bonificación para o sector Primario, a Bonificación por inicio de actividade, a Bonificación por implantación no Polígono Industrial de Sete Pías, a Bonificación por creación de emprego, as Bonificación para familias numerosas, a Bonificación para inmobles nos que se instalen sistemas de aproveitamento da enerxía solar, ou a exención para os inmobles con protección integral dentro do Casco Histórico de Cambados.

725 declaracións voluntarias de alta ou variación catastral de inmobles afectados

No asesoramento que se desenvolveu anteriormente pola Concellaría de Economía e Facenda de Cambados foron comunicados un total de 1.405 veciños, das que foron atendidas un total de 964 solicitudes de información individualizada de posibles inmobles afectados en Cambados polo catastrazo, o que supuxo superar o 68 % de veciños que acudiron a informarse e asesorarse nesta materia, sendo presentadas un total de 725 declaracións voluntarias de alta ou variación catastral de inmobles afectados, e que agora, están a recibir nos seus domicilios as liquidacións correspondentes cos novos valores catastrais declarados voluntariamente, estando previsto que nos vindeiros meses de Marzo e Abril, o Ministerio de Facenda comece a comunicar a preto de 400 veciños que non o solicitaron previamente de forma voluntaria, as alteracións catastrais que lles afectan dos anos anteriores non prescritos como as sancións que se impoñan dende o propio Catastro que dirixe o ministro Montoro.

Grazas a afluencia e interese que espertou esta medida entre a veciñanza de Cambados, é coa vontade de dar un mellor servizo e continuar con esta atención aos veciños de Cambados, a Concellaría de Economía e Facenda sita no primeiro andar do edificio do Concello, vai continuar prestando este servizo de asesoramento individualizado aos veciños afectados e de información das bonificacións fiscais existentes ás que se poden acoller, colaborando coa oficina de Xestión Tributaria do ORAL de Cambados e tentar que o catastrazo imposto polo goberno do estado, afecte o menor número de veciños de Cambados posibles.