A tecnico municipal de Medio Ambiente, no edificio administrativo a Rúa Ourense, está a disposición dos veciños de Cambados para a elaboración do censo de currais familiares que a Consellería do Medio Rural puxo en marcha tras detectarse varios focos de influencia aviaria tanto en diversos países da Unión Europea como en certas rexións de España.
No municipio de Cambados, como noutros do Salnés, a Consellería do Medio Rural estableceu unha serie de medidas preventivas respecto desta enfermidade como son que as persoas que críen aves de curral deben recluílas en espazos cubertos e en caso de contar con elas, sempre os comederos e bebedoiros das aves deben estar illados do exterior.
O rexistro solicitado pola Consellería do Medio Rural, ao que serán remitidos os formularios cubertos, só ten por finalidade o coñecemento por parte do departamento autonómico da existencia e localización destes currais, información necesaria desde o punto de vista da sanidade animal en caso de aparición dun foco de influencia aviaria. Non ten por tanto ningunha finalidade de control nin fiscalizador desta actividade, polo que as persoas titulares destas explotacións poden colaborar na inscrición sen condicionante algún.
Descargar: SOLICITUDE CENSADO CURRAIS FAMILIARES 2017.pdf