O CONCELLO DE CAMBADOS CONCEDE 7 AXUDAS DE REHABILITACION POR IMPORTE DE 40.000 €

O CONCELLO DE CAMBADOS CONCEDE 7 AXUDAS DE REHABILITACION POR IMPORTE DE 40.000 €

Cambados continúa un ano máis cos seus plans de rehabilitación de bens inmobles do casco histórico ao amparo das subvencións que tramita a área de Rehabilitación (ARI). A ultima Xunta de Goberno Local ven de aprobar as axudas para 7 proxectos por un montante total de 40.046,69 € de obras realizadas entre finais de 2018 e o 2019 que afectan, sobre todo, á reforma de cubertas, carpintería exterior e fachadas e ás estruturas interiores con tecnoloxía construtiva tradicional galega.

Dende o Concello de Cambados queremos mostrar a nosa satisfacción por ver estas casas restauradas e valoramos positivamente os resultados destas reformas, destacando que foron uns fondos ben aproveitados por parte da veciñanza para contribuír a mellora e rexeneración do casco histórico da vila.

Dende o Goberno municipal queremos destacar que estas obras supuxeron un movemento económico importante para o municipio e queremos facer fincapé na oportunidade que ofrece esta liña de axudas para afrontar a renovación completa do casco histórico e para converter Cambados nunha vila aínda máis atractiva para veciñanza e turistas. Así nas vindeiras semanas publicaranse as bases de novas axudas para a rehabilitación de vivendas e edificios para este ano por un importe total de 200.000 euros.

Estas axudas teñen un pequeno retraso na tramitación neste exercicio motivado pola paralización dos prazos administrativos froito do estado de alarma pola pandemia do COVID-19, pero dende o departamento de Urbanismo xa están redactadas as bases para que os propietarios de vivendas situadas no casco histórico de Cambados, que queiran acollerse ás axudas establecidas para proxectos de rehabilitación de inmobles poidan solicitalas neste exercicio nas vindeiras semanas. As axudas para rehabilitación poden chegar a supoñer un 75 % dos custes da obra e cun máximo de 15.000 euros por investimento.

Exemplo de Rehabilitación e Axudas para compra de vivenda de mozos

Unha das obras de rehabilitación protexida e que foron subvencionadas na ultima Xunta de Goberno Local, en concreto unha actuación no barrio de Fefiñans, nun mirador dunha vivenda sita na Rúa San Gregorio, foi calcificada como exemplar polos traballos de restauración que se fixeron na mesma pola Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego, xa que non se percibe a diferenza coa obra orixinal, unha asociación sen ánimo de lucro, para a defensa, difusión e promoción do patrimonio cultural galego e dos galegos no exterior.

O Concello de Cambados informa de que continua aberto o prazo de rexistro de solicitudes para optar ás axudas do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para a adquisición de inmoble en cascos históricos por parte de mozos menores de 35 anos. A área de Rehabilitación Integral de Cambados é un dos nove cascos antigos da provincia que optan a esta partida de subvencións destinadas especificamente á mocidade. A data límite para formalizar as demandas finaliza o día 31 de outubro de 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.