A Cruz Vermella organiza unas Andainas Saudables en colaboración coas concellarías de Sanidade e da Terceira Idade, ambas dirixidas por Tino Cordal, do Concello de Cambados. A actividade, programada para os meses de xullo e agosto, está dirixida a maiores de 60 anos e a inscrición é gratuíta. O programa xira en torno ao envellecemento saudable, a boa alimentación e a importancia da actividade deportiva diaria.
Os grupos estarán formados por 9 participantes e unha persoa voluntaria que será a encargada de dinamizar e levar a cabo a sesión, así como de controlar o cumprimento de todas as medidas de prevención en relación coa COVID-19 (distancia de seguridade, uso de máscara, uso de xel hixiénico de mans, etc.), polo que se houbese máis de 9 persoas habería varios grupos simultaneamente.
As sesións serán nas mañás, de 10 a 11 horas, dos martes e venres de xullo e agosto, comezando o 2 de xullo e rematando o 31 de agosto. Terán unha duración aproximada dunha hora e alternaranse andainas un día e actividades relacionadas con hábitos saudables outro, así consecutivamente.
En canto ás fichas de inscrición están constituídas por 3 follas, nunha reflectiranse os datos das persoas participantes, noutra asinarán, quen o desexe, a cesión de imaxes, e na última a Protección de Datos que deben asinar todas as persoas obrigatoriamente. Ademais, xunto á ficha de inscrición, é preciso aportar unha fotocopia do DNI por ambas caras.
A inscrición estará aberta ata o día 25 de xuño (incluído) na Biblioteca Municipal Luís Rei, en horario de 9 a 14 horas e de 15 a 20 horas, ou no propio enderezo electrónico biblioteca@cambados.es. Tamén poden inscribirse en arosa@cruzroja.es e no número de teléfono 986 512244. A partir do 28 de xuño chamarase dende a Cruz Vermella a todas as persoas inscritas para notificarlles o día de inicio das actividades, o lugar de encontro e as pautas a seguir.
As andainas terán os seus percorridos por sendeiros e paraxes naturais de Cambados (desembocadura do río Umia, monte da Pastora, contorna do Muíño da Seca, etc.). Os maiores que participen nas mesmas estarán acompañados en todo momento por voluntarios da Cruz Vermella.