O camposanto máis melancólico do mundo súmase á “Semana dos cemiterios” de ASCE

O camposanto máis melancólico do mundo súmase á “Semana dos cemiterios” de ASCE

O Concello de Cambados, como membro da Asociación Europea de Cemiterios Singulares (ASCE) dende 2014, participará na Semana de posta en valor destes espazos de grande importancia histórica e artística, cunha visita guiada organizada pola Concellería de Cultura.

Do 30 de maio ao 5 de xuño esta rede que inclúe auténticas xoias do patrimonio europeo, como as Catacumbas de Roma, ou Père-Lachaise de París, promocionará nas súas redes sociais todas as iniciativas que os membros poñan en marcha.

Da man da doutora en Historia da Arte, Maribel Iglesias Baldonedo, realizarase un percorrido a pé o vindeiro sábado 4 de xuño, dende a actual igrexa parroquial de Cambados, sita na rúa San Francisco ata as Ruínas de Santa Mariña. O lugar de inicio non é nimio e en menos de 700 metros, iranse debullando historias, personaxes, detalles e anécdotas que buscan atraer visitantes a estos lugares de recollemento cunha notoria riqueza cultural, arquitectónica, educativa e artística. O concelleiro de Cultura Tino Cordal anima a todas as persoas interesadas en participar; poderán facelo de balde ata cubrir as 30 prazas dispoñibles. A inscrición realizarase na biblioteca municipal Luís Rei presencialmente ou a través da súa conta de correo biblioteca@cambados.es ou do seu teléfono 986 520 008. A visita dará comezo o sábado 4 de xuño  ás 11.30 horas da mañá.