O Albariño manterá as restricións de tráfico no centro e reforza as zonas de estacionamento disuasorio

A Concellaría de Seguridade Cidadá do Concello de Cambados, dirixida por Tino Cordal, incluíu no Plan de Seguridade para a próxima Festa do Albariño, documento que foi exposto na Xunta de Seguridade o pasado venres, o mantemento das restricións dos accesos ao tráfico rodado ao centro urbano durante a festa. Así, limitaranse a entrada ao tráfico de venres a domingo, permitindo só o paso de residentes e servizos, e increméntanse as zonas de estacionamento disuasorio nos accesos á localidade.

O Concello de Cambados vai habilitar unhas 1.500 prazas de estacionamento para a Festa do Albariño. O goberno local creará sete áreas de estacionamento disuasorio, confiando de novo en  asociacións do municipio para a súa xestión. As áreas de estacionamento estarán situadas nas entradas da vila en sete parcelas na Avenida Vilagarcía, na Avenida Castrelo, na Avenida Vilariño, na Avenida do Salnés e na Rúa Pacheca.

Despois de chegar a un acordo cos seus propietarios, o goberno local asumiu o seu mantemento e posta a punto das leiras. De cobralas prazas encárganse o Club Juventud de Cambados. A tarifa é única: 3 euros ó día.

Corte do Trafico no Centro de Cambados

O Concello de Cambados vai manter os peches no centro de Cambados coa colocación de barras protectoras de formigón,  nas Avenidas de Vilariño e de Galicia e na Ribeira de Fefiñáns dende o Venres ao mediodía ata o Domingo. Así, limitaranse a entrada ao tráfico, permitindo só o paso de residentes e servizos, como medida de seguridade. Dende Concello de Cambados pídense desculpas polas molestias que se poidan ocasionar aos veciños, e recomendamos que non se acceda ao centro da vila durante esta fin de semana, para evitar as molestias que poidan xerar as posibles retencións de trafico.

Por outra banda, a liña de transporte público que une Cambados con Pontevedra, Autocares Rías Baixas, vai reforzar as liñas de transporte en autobús con motivo da festa do Albariño, creando dúas liñas de servizo directo o Venres e o Sábado con saída dende Pontevedra ás 20:30 horas e volta dende Cambados con destino a Pontevedra o Sábado e Domingo ás 06:30 e 08:30 horas, estas liñas de reforzo van ser complementarias as liñas xa habituais que ten a compañía nesta liña.