“MULLERES EN ACCIÓN: VIOLENCIA ZERO” CHEGA A CAMBADOS CUN RECITAL POÉTICO DA MAN DE YOLANDA CASTAÑO

“MULLERES EN ACCIÓN: VIOLENCIA ZERO” CHEGA A CAMBADOS CUN RECITAL POÉTICO DA MAN DE YOLANDA CASTAÑO

O recital levarase a cabo o xoves 26 de xaneiro ás 12:00h na praza do Concello

Mulleres en Acción: Violencia Zero” é un proxecto de acción artística contemporánea en espazos públicos posto en marcha pola Deputación de Pontevedra coa finalidade de reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención no estado actual do problema da violencia machista.

Esta iniciativa, que percorrerá varias vilas da Provincia, chegará o xoves 26 de xaneiro a Cambados. A praza do Concello será o escenario de “un alpendre cheo de significados sospeitosos”, unha intervención poética a cargo de Yolanda Castaño, un dos rostros máis coñecidos da poesía galega, nun acto no que tamén estará presente a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Dende o Concello de Cambados, a alcaldesa Fátima Abal anima a tódolos veciños e veciñas a achegarse ata o recital, que se levará a cabo ás 12:00, para amosar o compromiso da nosa vila coa visibilización desta lacra que é a violencia machista, un problema fundamental para o cal o Concello está a levar a cabo accións específicas como a recente posta en marcha de clases de defensa persoal, ademáis de facer fincapé na labor do CIM, un servizo ao que poden acudir todas as mulleres en situación de maltrato.

Yolanda Castaño é poeta, filóloga, videocreadora e unha activa dinamizadora cultural que dirixe obradoiros literarios, obradoiros de tradución poética, festivais e ciclos de poesía sempre con autoras e autores galegos e internacionais. Gañadora de diversos premios, conta con seis poemarios, edicións bilingües (galego-castelán) e cinco libros de poesía infantil, ademais doutras obras publicadas como editora ou tradutora. Traballou durante anos en televisión e recibiu bolsas como escritora en residencia en Rodas, Múnic, Pequín e Edimburgo. Desenvolve experiencias que fusionan a escrita coa plástica, a música, a performance, a danza, o audiovisual ou mesmo a cociña, soa ou en colaboración con outras e outros artistas. A súa obra apareceu en multitude de revistas, antoloxías e festivais literarios de toda Europa, Asia e América, e traduciuse en parte a 20 linguas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.