Onte fallouse o concurso de contos organizado pola Biblioteca Luís Rei de Cambados para celebrar o Día do Libro 2020. Unha vez reunidos os membros do xurado, integrado polo persoal da área de cultura do Concello, acordaron elixir como mellor conto “Mamá, eu quero ir ao cole”, de Mónica Suárez Acevedo; mentres, ”A princesa rebelde” de Carlos Fernández Lores, foi elixido como mellor conto na categoría infantil.
A actividade denominada TES UN CONTO non incluía un límite de palabras para os relatos pero si que nos mesmos debían figurar os seguintes termos: elefante, azul, sorriso, soño, pan, aperta, fortuna, bolboreta e enfermeira.
Na categoría de adultos foi seleccionado como segundo mellor conto ”Os soños de Elena”, de Óscar M. Rey; sendo elixido en terceiro lugar o conto “Unha tarde de corentena”, enviado baixo o pseudónimo Meryscadora.
Na categoría infantil foron escollidos como segundo e terceiro mellores contos “Un elefante diferente” e “O elefante e a bolboreta”, de Sara Domínguez Fernández e Aitana Besada, respectivamente. Nesta categoría a orde de clasificación dos poemas continúa con “Unha viaxe inesperada” de Alicia Sánchez Cores e “Había unha vez” de Sara Fandiño Cobas.
Todos os participantes mencionados recibirán vales de compra para gastar nun establecemento comercial de Cambados. O importe dos mesmos corresponderase coa orde dos premios otorgados, de maneira que os primeiros clasificados recibirán vales de compra por importe de sesenta euros, os segundos por importe de corenta euros, os terceiros trinta euros e os demais participantes mencionados vinte euros. Esta primeira edición do Concurso de Contos, organizado pola Biblioteca Municipal Luís Rei, terá continuidade o vindeiro ano 2021, segundo informa o Concelleiro de Cultura de Cambados, Tino Cordal.