“MENSAXEIROS SOLIDARIOS” AUMENTA UN 21% A PARTICIPACIÓN DOS VECIÑOS E VECIÑAS DE CAMBADOS NAS CAMPAÑAS DE DOAZÓN PROMOVIDAS POR ADOS

Os pasados días 16, 17 e 18 de marzo doaron sangue, na unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, 104 persoas, das cales cinco eran cidadáns que colaboraban por vez primeira

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) quere amosar o seu agradecemento ao concello de Cambados, especialmente ao departamento de Cultura e Educación, e aos tres centros de ensino infantil e primaria (CEIP Enrique Barreiro Piñeiro, CEIP San Tomé e CEIP Plurilingüe de Castrelo) os que, participaron na campaña “Mensaxeiros Solidarios” que tivo lugar a pasada semana neste municipio pontevedrés.

No transcurso da visita que a unidade móbil de ADOS fixo ata as inmediacións do centro de saúde de Cambados os pasados días 16, 17 e 18 de marzo, recolleuse unha participación de 104 doadores e doadoras. Esta cifra supón un incremento do 21% con respecto á media mensual de participación das visitas efectuadas por ADOS ata Cambados durante o pasado ano. Así mesmo, salientar que se incrementou a media habitual de persoas que doaban sangue por vez primeira, xa que foron 5 os cidadáns que doaron sangue por vez primeira a pasada semana neste concello pontevedrés.

Esta visita da unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue inscríbese dentro do programa “Mensaxeiros Solidarios”, que se está a desenvolver en distintos municipios galegos ao longo do presente exercicio e que tenta achegar o acto solidario e xeneroso da doazón de sangue aos máis pequenos e pequenas da casa.

Neste sentido, a concellería de Cultura e Educación de Cambados, que dirixe Víctor Caamaño Rivas, impulsou en colaboración con ADOS o desenvolvemento de “Mensaxeiros Solidarios” nun total de tres centros educativos do concello, achegando a doazón de sangue a un total de 205 nenos e nenas. Mediante este programa, nas datas inmediatamente anteriores ao desprazamento da unidade móbil de ADOS, os estudantes recibiron o conto “Papá Bolechas doa sangue”, xunto cunha tarxeta con información básica sobre a doazón e advertindo da desenvolvemento dunha próxima campaña de doazón.

Deste xeito, “Mensaxeiros Solidarios” contribúe a sensibilizar aos cativos e cativas dun xeito lúdico e promove o dialogo sobre o solidario xesto da doazón dentro das propias familias. ADOS quere agradecer ao concello de Cambados a súa inestimable colaboración no desenvolvemento desta iniciativa, así como a todos os veciños e veciñas deste municipio pontevedrés que teñen participado activamente nas campañas de doazón de sangue.