A biblioteca Luís Rei e as axencias de lectura das parroquias, contarán un ano máis cunha programación especial para celebrar as Letras Galegas grazas ao programa de animación á lectura Ler Conta Moito.
Comezarán o luns 9 de maio ás 18.00 horas na Biblioteca Luís Rei cunha xira “ratoniana” que seguirá polo resto das axencias de lectura. A compañía Trinke Trinke, chea de divertidos roedores que viven en bibliotecas, adícase a contar as súas versións de contos clásicos… nesta ocasión será o turno de Riciños de Ouro. Estarán tamén á mesma hora o martes 10 na Casa da Cultura de Castrelo, o mércores 11 na Casa da Cultura de Corvillón, o xoves 12 na Casa de Cultura de Vilariño e o venres 13 no centro Gumersindo Márquez de Oubiña.
O martes 10 de maio, durante a mañá no Auditorio Municipal está programado un espectáculo de Álvaro Murás “Manuel María con maxia e música” para os colexios de Cambados. Dende a Concellería de Cultura, coordínase cos diferentes centros a asistencia de máis de 500 escolares a esta actividade que achega dun xeito diferente e “máxico” a figura de Manuel María aos rapaces cambadeses.
O mércores 18 de maio cúmprese o centenario das Irmandades da Fala, e con tal motivo ás 18.00 horas a Biblioteca Luís Rei, da man da compañía A xanela do maxín, será o escenario dunha peculiar homenaxe a Castelao empregando o teatro de sombras.
Na programación de actividades non se esquecen igualmente dos máis pequenos da casa. O sábado 21 de maio, na Biblioteca Luís Rei, haberá tamén Contos para bebés, coa compañía Pavís Pavós. Dende a biblioteca levan dende o 2010 facendo ininterrumpidamente bebetecas para pequenos de 0 a 3 anos, e dado o éxito das sesións, recomendan cada ano inscribirse previamente, dado que o aforamento máximo é de 30 bebés acompañados. Poden chamar ao 986 52 00 08 para reservar praza.
Todas as actividades son de balde polo que animan a todos os veciños e veciñas a sumarse á celebración das nosas letras.
Se se precisa ampliar a informacións destas actividades pódese contactar directamente coa Técnico de Cultura María Vázquez mariavazquez.cultura@cambados.es