O Museo do Muíño de Mareas da Seca está situado na parroquia cambadesa de San Mamede de Corvillón, entre Tragove e Fefiñáns.
Foi mandado construír por orde de D. Gonzalo de Valladares, I Vizconde de Fefiñáns, que encargou a obra ao mestre de cantería e artilleiro coruñés Francisco Grie.
O muíño instalouse sobre unha enseada cunha presa duns 50 metros de longo e constaba dos seguintes elementos: unha presa con 5 comportas, o propio muíño, a vivenda, as cortes e o alpendre.
Na planta baixa do edificio do muíño atópase a maquinaria que posibilitaba a moenda. A primeira planta comprendía os elementos de moenda: tres moas do país de gran groso para moer millo, e unha “albeira” de gran fino para o trigo e o centeo, e as pezas auxiliares.
A segunda planta e o faiado estaban destinados a vivenda coas súas habitacións, hoxe acondicionadas para acoller o discurso museístico.
Visitas: mediante cita pevia, pedir cita no email cultura@cambados.es
O fluxo e refluxo das mareas era aproveitado para facer funcionar as catro moas coas que contaba. A zona interior quedaba en seco coa baixamar, por iso denomínase A Seca, volvéndose a encher coa preamar. Para moer aproveitaban a baixamar, que dura unhas tres horas, chegando a moer ata 200 quilogramos por moa en dúas quendas, de día e de noite.
O muíño pertenceu ata o s. XIX aos vizcondes de Fefiñáns e a el viñan moer cereais campesiños non só de Cambados senón tamén da comarca do Salnés. Posteriormente cambiou de dono deixando de funcionar a mediados dos anos 70, cando o último muiñeiro, Manuel Piñeiro, casado coa filla do propietario, cesaba na súa actividade.
Este antigo Muíño de Mareas da Seca foi recuperado e restaurado para ser convertido en enclave museístico, formando parte desde o ano 2002 da Rede de Museos do concello de Cambados.